O Son da Serra, Cando O Courel derramou bágoas de cinsa é un documental sobre a Serra do Courel e o incendio que padeceu no verán do 2022. Este incendio foi a presentación en Galicia dos incendios convectivos de sexta xeración. Durante dúas semanas arrasou case 13.000 hectáreas, principalmente nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, obrigando a desprazar a máis dun milleiro de persoas no que era o maior incendio da historia de Galicia ata que chegou agosto do 2025.
O Son da Serra son as voces das persoas que nos levan polo vivido naqueles días e dalgún modo, unha homenaxe a cada veciña e veciño da serra, unha reconciliación e unha posta en valor do que este territorio significa. Nalgo máis dunha hora de duración recóllese o resultado das entrevistas feitas durante o incendio e ata comezos do 2025. Entre as voces das persoas que viviron o incendio do Courel do 2022 atopamos a veciñas e veciños, rexedores locais e unha representación do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que facilitou importantes imaxes deste incendio.
O documental é froito da colaboración do fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira e Némesis Audiovisual coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga e a BSO de Ale González.

XLVIII Semana de Cine de Lugo
A finais do 2025 a longametraxe presentouse aos seus protagonistas en Folgoso do Courel, nun acto no que se lles devolveu ás persoas afectadas por estes lumes, o que elas entregaron cando viñan de vivir situacións moi difíciles. En maio deste ano fíxose nos Multicines Hollywood de Monforte a presentación pública do traballo contando con gran afluencia de público interesado na temática e en en setembro chegou a Lugo a través da XLVIII Semana Internacional de Cine de Autor.
O Son da Serra proxectouse na Semana de Cine de Lugo o pasado venres, 25 de setembro, sendo unha das 135 películas escollidas das case 1.500 traballos presentados a esta 48 edición. Un par de días despois coñecíase a palmarés desta edición, e O Son da Serra recibía o premio do xurado á Mellor Película Galega (longametraxe). O Son da Serra levarase este ano a varios concellos da provincia de Lugo, grazas á colaboración da área de cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.


