Cada día quedan menos panaderías como as de antes, que cozan en fornos de leña e que traballen a noite enteira para que o pan chegue ás casas fresco e saboroso nas primeiras horas do día. Un oficio moi sacrificado que periga pola falta de relevo xeracional. “Eses traballos non os queren nin os que veñen, nin os que virán… imos todos acabar mercando pan precocido”, sentencia Diego Vallina Guitián, da Panadería Siós en Pantón.
Diego conta que leva nesta panadería case 30 anos. Está na parroquia de San Martiño de Siós, no Concello de Pantón, onde traballa man a man con Estrella Loureiro Río, a súa socia. Dende alí repártese pan por toda a contorna de Lemos, preferentemente, mais chegando tamén a distribución a cidades como Ourense ou Vigo.

“Empezamos cun forno de leña antigo e agora temos tres”, explica o noso protagonista para dar conta de como foi medrando a demanda de pan e o traballo. Neste senso lembra que antes roxábase con leña de xesta e amasábase a man pero actualmente non é posible. A leña empregada agora é de carballo e de castiñeiro e o amasado xa se fai con máquinas. “Eu amasei a man moitos anos pero agora é inviable… como anécdota lembro o ano do apagón que tiven que amasar toda a noite e despois necesitei unha semana para recuperarme”.
“Empezamos cun forno de leña antigo e agora temos tres”


O seu pan, que segundo el non ten máis misterio que empregar masa madre do día de antes, auga da traída de Ferreira de Pantón e boa fariña de trigo do mesmo provedor de sempre, é xa unha auténtica marca e moi aprezado en todos os lugares onde chega para a venda ao público. Respecto da importancia da auga, refire Diego que nunha ocasión que houbo problemas coa traída tivo que mercar auga envasada e o pan xa non sabía igual.
Á hora de presentar o produto no mercado, a Panadería de Siós non se complica a vida. Só ten dous formatos: o bolo de quilo e o bolo de medio quilo. Aparte diso, fan empanadas, pero só por encargo.
Os seus bolos entran pola vista e son moi saborosos, destacan por ter un miolo moi compacto e unha codia consistente como as do pan tradicional de toda a vida. Ademais, é un produto que se aguanta varios días na casa. Da Panadería de Siós saen de luns a venres uns 650 bolos grandes de quilo e uns 850 pequenos de medio quilo. Iso si, os sábados saca uns 1000 exemplares de cada formato.
UN PAN QUE CHEGA A VIGO
Como comentamos, o pan de Diego Vallina e Estrella Loureiro distribúese na contorna de Lemos, pero tamén chega a Sarria, Castro de Rei, Ourense e incluso Vigo. No caso de Ourense distribúe para os Gadis, e en Vigo nos supermercados Familia. Para facer a distribución diaria, na actualidade conta con 5 furgonetas para repartir.

distribúese na contorna de Lemos, pero tamén chega a Sarria, Castro de Rei, Ourense e incluso Vigo
Preguntámoslle, por curiosidade, como lle deu por chegar a Vigo cos seus bolos de pan e explícanos a historia: “Foi por casualidade, por darlle traballo a un familiar. Chamei a un Eroski ofrecéndolles levar o meu pan e ao pouco tempo dixéronme que si que o querían. E dende aquela empecei a distribuír por todos os Familia de Vigo. Agora xa non está o familiar pero teño outro repartidor que fai o servizo”. Un reparto, este da cidade olívica, que se fai das 6:30 ás 12:30 horas.
UN OFICIO SACRIFICADO
Diego recoñece a dureza do oficio, no que se dormen moi poucas horas e no que hai que traballar moito en épocas como o verán nas que case non hai tempo para a vida familiar. “No verán case non vin á miña muller”, comenta o entrevistado. Con todo, dinos que o leva ben e quedamos abraiados cando confesa que aínda saca tempo para ir ao Ximnasio Lemos dúas horas ao día. Seica lle vai ben, desconecta e axúdalle para aguantar no plano físico.
Reflexionando sobre o futuro do oficio el teno claro e sentencia que acabaremos todos mercando pan precocido. E di tamén que non se pode montar unha panadería se non se quere traballar pola noite, pois para ofrecer pan fresco nas primeiras horas do día non queda outra que cocelo pola noite.

O PAN QUE VOA DOS ESTANTES
Unha estampa que se repite cada día en moitos puntos de venda da comarca é ver o interese da clientela polo pan de Siós. No Gadis de Monforte, por poñer un exemplo, non hai día no que nada máis chegar o pan aos estantes non se vexa xente botándose a el como se fosen as rebaixas.
Tanto é así que, segundo refire Diego, “sei polo garda de seguridade que hai xente que incluso ten discutido polo pan”. Tamén conta que polas mañás hai xa xente esperando a que chegue e “case mo quitan das mans”, di. E nalgunha ocasión cando chega con certo retraso hai xente que o chama para preguntarlle se tarda moito porque o están esperando.
polas mañás hai xa xente esperando a que chegue e “case mo quitan das mans”


