O sábado, 17 de outubro, ás 19:00 horas o salón de actos da antiga Casa Cuartel do concello de Taboada acolle a representación de Vermello de Rebuldeira Teatro. A obra destinada a maiores de 16 anos fai unha viaxe ficcionada pola Guerra Civil. A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Hai medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e de xente que non podia expresar libremente o seu amor por medo a ser perseguidos, mestúranse coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil.
Tamén o sábado, 17 de outubro, ás 19:00 chega á escola de Torbeo en Ribas de Sil, Trato e Cegas de Pico do Castro.
O tío Prudencio e máis Freitoso son dous cegos con moita vista en máis dun sentido. Dedícanse a percorrer vilas e aldeas tratando de gañar un anaco de pan para comer. Levan unha vida dura, mais seguramente moito máis honrosa que a que desenvolven outros que gozan de mellor prestixio. Tras reencontrarse, ambos personaxes comparten anécdotas da súa traxectoria vital, que moven a rir mais tamén denotan unhas condicións de vida ben sacrificadas. Ainda que pasaron os anos, o mundo cambiou bastante pouco. Todo cambiou… mais non cambiou nada.

