HomeCulturaNovas titulacións e formación para todas as idades na Aula Universitaria da...

Novas titulacións e formación para todas as idades na Aula Universitaria da UNED en Monforte

Para o curso académico 2026/2027 ofrece titorías do Curso de Acceso á Universidade e dos graos en Educación Social e Psicoloxía. Entre as novidades destacan o Grao en Enxeñaría da Intelixencia Artificial e dous novos dobres graos, así como unha ampla programación de idiomas, formación especializada e UNED Sénior, con especial atención ao patrimonio cultural da Ribeira Sacra. reafirmando o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no acceso á educación superior e coa formación permanente da cidadanía.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Integrada no Centro Asociado da UNED en Lugo, a Aula Universitaria da UNED en Monforte constitúe un recurso educativo fundamental para a cidade e para a propia Ribeira Sacra, facilitando o acceso á universidade a moita xente interesada en formarse sen necesidade de trasladarse a outras cidades máis grandes e alonxadas. Contribúe, ademais, á vertebración territorial, á redución das desigualdades no acceso á educación superior e ao desenvolvemento social, cultural e profesional do territorio.

Ademais, o modelo educativo da UNED, caracterizado pola súa flexibilidade e pola combinación de recursos dixitais, titorías e atención personalizada, resulta especialmente relevante para aquelas persoas que necesitan compatibilizar os estudos coa actividade profesional, as responsabilidades familiares ou outras circunstancias persoais.

TITORÍAS PARA RECIBIR ORIENTACIÓN E APOIO ACADÉMICO

Un dos principais atractivos da Aula Universitaria de Monforte é a súa oferta de titorías para o Curso de Acceso á Universidade para maiores de 25 e 45 anos, así como para os graos en Educación Social e Psicoloxía. Estas ensinanzas permiten ao alumnado contar con apoio docente próximo, resolver dúbidas, recibir orientación académica e avanzar na preparación das materias desde a propia comarca.

O Curso de Acceso á Universidade representa unha oportunidade especialmente relevante para as persoas que desexan iniciar estudos universitarios e non dispoñen da titulación académica necesaria para acceder pola vía ordinaria. Pola súa banda, os graos en Educación Social e Psicoloxía ofrecen formación en ámbitos relacionados coa intervención socioeducativa, a atención ás persoas, o comportamento humano e o benestar social.

Ademais, a cidadanía de Monforte pode matricularse nas demais titulacións oficiais da UNED e beneficiarse dos recursos dixitais da universidade, das titorías en liña e dos servizos de apoio académico e administrativo que ofrece a Aula.

NOVAS TITULACIÓNS

Entre as principais novidades do curso 2026/2027 destaca a implantación no Centro Asociado da UNED en Lugo do Grao en Enxeñaría da Intelixencia Artificial, unha titulación que responde á crecente demanda de formación especializada nun dos ámbitos tecnolóxicos con maior proxección profesional e capacidade de transformación económica e social.

A oferta académica amplíase tamén con dous novos dobres graos: Física e Matemáticas e Criminoloxía e Psicoloxía, que permiten adquirir unha formación interdisciplinaria e desenvolver competencias complementarias en diferentes ámbitos científicos, tecnolóxicos e sociais. Unha aposta por estas novas titulacións que reforza o compromiso da UNED pola amplitude de alternativas formativas e pola innovación.

CURSOS DE IDIOMAS E FORMACIÓNS ESPECIALIZADAS

A Aula Universitaria de Monforte completa a súa oferta cunha programación de extensión universitaria e formación permanente con outras propostas. No que respecta á oferta de idiomas, para o primeiro cuadrimestre destacan os cursos de Inglés intermedio B1, do 19 de outubro ao 15 de novembro, e Alemán básico A1, do 21 de outubro ao 15 de decembro, ambos en modalidade en liña e cunha duración de 20 horas.

No ámbito educativo e social, desenvolverase o curso «Atención temperá e intervención nos trastornos do espectro autista na etapa de 0 a 6 anos», do 13 ao 28 de novembro, cunha duración de 20 horas. E tamén se programa unha nova edición do curso «Metodoloxías inclusivas e a súa aplicación na aula baseada na LOMLOE e no Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA)», prevista para os días 20 e 21 de novembro, cunha duración de 10 horas. Ambas opcións impartiranse en liña.

Presentación curso académico 2026-2027 da UNED de Monforte. Foto: UNED.
UNED SÉNIOR

A formación universitaria esténdese tamén ás persoas maiores de 55 anos a través do programa UNED Sénior, unha iniciativa que promove a aprendizaxe permanente, o envellecemento activo, a participación social e o enriquecemento cultural.

Durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026/2027, a Aula Universitaria de Monforte ofrece dúas materias presenciais: «English for real life» e «Una aproximación al Patrimonio histórico-artístico en Ribeira Sacra: Más allá del Románico». A primeira está orientada á aprendizaxe práctica do inglés, facilitando a adquisición de competencias comunicativas útiles para desenvolverse en situacións da vida cotiá, mentres que a segunda propón un achegamento ao patrimonio histórico e artístico da Ribeira Sacra desde unha perspectiva que vai máis alá do seu recoñecido legado románico, permitindo descubrir e valorar outras manifestacións culturais e artísticas que forman parte da identidade e da riqueza patrimonial do territorio.

Ambas as materias teñen un custo de matrícula de 50 euros cada unha e forman parte dunha programación presencial que se desenvolve entre outubro de 2026 e febreiro de 2027.

As persoas interesadas poden consultar a programación e formalizar a matrícula na plataforma de extensión universitaria da UNED: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/55313.

MATRICULACIÓN

O prazo de matrícula para os estudos oficiais de grao da UNED permanece aberto ata o 21 de outubro de 2026.

As persoas interesadas poden solicitar información na Aula Universitaria de Monforte de Lemos, situada na Casa da Cultura (Praza de España, 3) ou consultar a oferta académica na páxina web da universidade, www.uned.es.

ÚLTIMAS

José Tomé levará ao pleno do 26 de outubro a licitación do PXOM, “o documento máis importante para Monforte desde hai máis de 40...

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou este xoves que levará...

192.000€ para e mellora de varias rúas en Chantada

O Concello de Chantada dispón dun plan de asfaltado para rexeneración de vías nas...

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación chega o 17 de outubro a Taboada e Ribas de Sil

O sábado, 17 de outubro, ás 19:00 horas o salón de actos da antiga...