O Concello de Ribas de Sil vén de fai pública a súa programación cultural para o outono de 2026, que se desenvolverá durante os meses de outubro, novembro e decembro e que combina actividades xa consolidadas con novas propostas destinadas a ampliar a participación cultural da veciñanza.
Ao teatro súmanse presentacións literarias, encontros veciñais, actividades de lectura e celebracións tradicionais. Unha das principais novidades deste ano é a vontade de descentralizar progresivamente as actividades culturais, levando parte da programación ás parroquias e favorecendo que novos espazos se incorporen á vida cultural do municipio.
O teatro converteuse nunha das actividades culturais con maior continuidade e aceptación en Ribas de Sil. As representacións que se celebran no salón de actos da Casa do Concello adoitan reunir un público numeroso. Nunha das últimas edicións das Conversas de Verán, Manuel Cao lembrou a importancia que tivera o teatro na vida social e cultural de San Clodio ao longo do século XX. As representacións eran unha das principais formas de entretemento e convivencia, e a veciñanza participaba tanto como público como sobre o escenario. Aquela tradición mantense viva na actualidade.
Neste outono, a oferta inclúe representacións de compañías como o Grupo de Teatro do Hospital de Lugo, A Mariña, A.T. Xa-Tá, Os Baluros, Faranduleiros de Bolmente, Viraventos, Faro-Miño e Pico do Castro, ademais dos espectáculos infantís de Loia Producións.
A cultura chega ás parroquias, Torbeo abre unha nova etapa
Unha das apostas máis destacadas da programación é a descentralización cultural, coa intención de que as actividades non se concentren exclusivamente en San Clodio e poidan chegar progresivamente a outros núcleos de poboación.
O primeiro paso darase en Torbeo, unha parroquia cun tecido veciñal especialmente activo e cunha asociación, AVETO, que vén demostrando unha importante capacidade para promover iniciativas culturais, sociais e de convivencia. A implicación da asociación e da propia veciñanza está a contribuír a transformar Torbeo nun lugar xerador de cultura, no que os habitantes non son unicamente espectadores, senón tamén promotores e protagonistas das actividades.
Durante este outono, a antiga Escola de Torbeo acollerá dúas representacións teatrais: A historia dun fidalgo, a cargo de A Mariña, o 21 de novembro, e Trato a cegas, de Pico do Castro, o 27 de decembro. A programación da parroquia completarase co encontro e magosto Entre Bruxas, previsto para a tarde do 21 de novembro, e cunha nova iniciativa que terá continuidade durante todo o curso: o Club de Lectura da Biblioteca de Torbeo, unha iniciativa conxunta da asociación veciñal AVETO e do Concello de Ribas de Sil.
O primeiro encontro do Club de Lectura terá lugar o domingo, 18 de outubro, ás 17.00 horas, na antiga Escola de Torbeo, e a actividade continuará cunha reunión mensual. As seguintes citas están previstas para o 15 de novembro e o 20 de decembro.
O funcionamento será sinxelo e participativo: en cada sesión, as persoas asistentes compartirán as súas impresións sobre o libro elixido previamente, intercambiarán interpretacións e experiencias lectoras e decidirán a seguinte obra que lerán.
A creación dun club de lectura nunha parroquia rural, fóra da capital municipal, ten un significado especial. Supón achegar unha actividade cultural estable a un núcleo de poboación pequeno, aproveitando os espazos comunitarios existentes e convertendo a lectura nun motivo para reunirse, conversar e compartir experiencias. Poderán participar todas as persoas que gocen da lectura, independentemente do seu lugar de residencia. O obxectivo é que a biblioteca e a antiga escola se convertan nun punto de encontro entre persoas de diferentes idades e procedencias, unidas polo interese polos libros.
O novo Club de Lectura estará coordinado por Antonio Paz, veciño de Torbeo e gañador da primeira edición do Concurso Literario Filomena Arias, celebrada o pasado ano.
As Patronais de San Clodio e a presentación de Nailía
A programación de outubro inclúe tamén as tradicionais Festas Patronais de San Clodio, os días 30 e 31, que contarán cun programa específico de celebracións.
Entre as actividades culturais previstas destaca a presentación da obra Nailía, da escritora Loli Rodríguez, natural de Torbeo. O acto celebrarase o 31 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa do Concello, e permitirá coñecer a obra da autora nun encontro que vincula a creación literaria coa identidade cultural do municipio.
A programación cultural completarase con propostas de teatro infantil, entre elas A fada do saco verde, o 29 de outubro, e A boneca de trapo, o 17 de decembro, ambas a cargo de Loia Producións.
O Concello de Ribas de Sil quere agradecer especialmente a colaboración da Deputación de Lugo, das asociacións veciñais, das compañías teatrais, das persoas creadoras e de todas aquelas que, coa súa participación, contribúen a manter viva a actividade cultural do municipio.


