Durante a súa visita, Alén destacou a importancia destas accións para a transmisión do coñecemento artesanal e puxo o foco na necesidade de ofrecer unha formación integral nos oficios artesanais tanto para mellorar a competitividade dos artesáns en activo como para a captación de novos talentos para o sector artesanal.
Con este obxectivo estase a desenvolver o programa formativo Fibranzas —iniciado en 2025 e do se está a realizar agora o curso de perfeccionamento— co que se busca afondar nas técnicas vinculadas á cestería e nas súas posibilidades no marco da artesanía contemporánea. Fibranzas forma parte da iniciativa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, desenvolvida pola Fundación Artesanía dende o ano 2023. Esta acción está enfocada na transmisión de coñecemento e na captación de novos talentos para asegurar a remuda xeracional no sector e resultou nominada ao Premios Nacionais de Artesanía 2026, na categoría Premio Promociona para Entidades Públicas.
Este curso é a continuación do desenvolvido durante oito meses no ano 2025 e dende o luns 19 e ata o mércores 21 de outubro, un total de 14 alumnos —seis máis que no resto dos módulos do programa Fibranzas— aprenden dúas técnicas tradicionais da cestería francesa dirixidos por Corentin Laval e Karen Gossart, do proxecto L’Oseraie d’Ile, no que cultivan a súa materia prima, unha vintena de variedades de salgueiro con diferentes características (cores, resistencia, flexibilidade) para poder variar e controlar o proceso de creación de principio a fin.
Corentin Laval amosa a técnica tradicional da rexión francesa do Périgord realizada con varas de vimbio e tecido en espiral coñecido a través da cesta chamada Bouyricou. Trátase dunha técnica de trenzado ancestral en espiral que se poden atopar noutros países con materiais diversos. Este profesional orientou esta práctica cara a creacións máis contemporáneas.
En paralelo, Karen Gossart imparte outra técnica de tecido de cestería con vimbio propoñendo novas formas e remates para realizar o Panier Galicien. Estudou Belas Artes e formouse na Escola Nacional de Cultivo e Cestería do Vimbio en Fayl-Billot, Haute-Marne, o que lle permitiu aprender este oficio e desenvolver un novo enfoque estilístico.

Fibranzas Chantada / Consellería de Emprego

