O acto celebrarase ás 19:00 horas no Centro do Viño de Monforte de Lemos e ofrecerá ao público a oportunidade de coñecer de primeira man ao autor e achegarse aos principais trazos dunha obra que invita a deterse, observar e mirar a realidade desde outras perspectivas.
Que pode haber detrás dunha praia que non é natural? Que relación gardan a memoria, a palabra, o tempo e a nosa propia existencia? Praia artificial propón unha viaxe poética suxestiva, construída a través de imaxes e reflexións que interpelan o lector e o convidan a ir máis alá do que aparece a primeira vista.
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é graduado e mestre en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e conta tamén con formación en guión. A súa traxectoria literaria abrangue distintos xéneros, desde a poesía ata a narrativa, o diario e o ensaio, cunha escrita na que dialogan a reflexión filosófica, a experimentación literaria e a creación artística.
A súa obra, parte da cal foi traducida ao francés, inglés, portugués e castelán, sitúao como unha das voces interesantes da creación literaria galega actual. Amais da escrita, Abraham Pérez desenvolve intervencións artísticas en museos e galerías, nas que combina pensamento filosófico, literatura e arte conceptual, colabora con diferentes revistas especializadas como Grial, Luzes, Praza Pública ou Dorna e forma parte do grupo poético Lupercais.
Con esta iniciativa, aulABERTA reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura, a lectura e a creación literaria, apostando por achegarlle á cidadanía autoras e autores que enriquecen o panorama cultural galego.


