HomeMovementos sociaisCampaña para facer a declaración da renda en galego

Campaña para facer a declaración da renda en galego

A Asociación de Funcionarios/as pola Normalización Lingüística promove a campaña “Eu declaro (a renda) en galego. É lóxico. Por dereito”.

Publicado o

- Advertisement -

En base ao dereito que temos os cidadáns a relacionarnos coas administracións públicas na nosa lingua búscase con esta acción promover a utilización do galego na presentación da declaración da renda do ano 2018, que comezará o 2 de abril e rematará a principios do mes de xullo deste ano.

Os impulsores da campaña, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, din que é un xesto sinxelo e inmediato pero de gran importancia pois promóvese o exercicio dos dereitos lingüísticos e mándase unha mensaxe á Administración estatal para que se corrixa a situación de inxustiza e marxinación da lingua galega en organismos como a Axencia Tributaria, Seguridade Social, Xustiza ou Tráfico onde aínda se atopan aplicación informáticas que non ofrecen a opción do galego.

Nos últimos meses, ademais, tense publicado que o propio Defensor del Pueblo ten en curso unha investigación de oficio ante a Administración Tributaria pola reiterada inobservancia da cooficialidade lingüística. Esta institución ten manifestado que “a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa, senón unha suxeición para a Administración e non debe aceptarse a persistencia durante anos de situacións que amosen como o uso das linguas cooficiais non é normal, habitual, fluído e sen dificultades maiores. Trátase dunha cuestión que transcende o seu carácter cultural, merecedora ademais non só dun ‘mero’ respecto e protección, senón dun ‘especial’ respecto e protección (artigo 3 da Constitución)”.

O Defensor del Pueblo lembra que o uso de linguas cooficiais vai directamente relacionado co respecto da dignidade das persoas, que a elección dunha lingua ten relación directa cos dereitos fundamentais e co libre desenvolvemento da personalidade. Ligado con isto cómpre lembrar que a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU establece que os dereitos lingüísticos son parte integrante dos dereitos humanos e deben tratarse con análogo respecto e protección xurídica.

Ao longo destes meses, durante a campaña da Renda 2018 e dentro do plan de acción que planifica a entidade organizadora, difundiranse polas redes sociais imaxes de xente de diferentes ámbitos do noso país apoiando a campaña da renda en galego, remitiranse mocións a concellos galegos para que fagan unha declaración en defensa do emprego do galego diante das administración públicas, solicitarase apoio a colectivos e asociacións que queiran participar, etc.

ÚLTIMAS

Unha APP de balde conectará a oferta e a demanda de emprego na provincia

A Deputación de Lugo vén de anunciar o lanzamento dunha APP móbil gratuíta, DeputaciónLugo...

Pantón homenaxea á súa bibliotecaria Milagros Pardo

Milagritos, a bibliotecaria Milagros Pardo, recibirá unha homenaxe o vindeiro 24 de maio en...

O PP provincial esixe prazos para o arranxo da N-540

Os populares preguntaban sobre a data efectiva de comezo e as obras executadas ata...

Como limpar os montes e evitar lumes ao carón das casas?

A Xunta ofrece plantas específicas nestas franxas secundarias para evitar incendios. Os propietarios teñen...