O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Lugo informou de que o Parque de Bombeiros de Chantada permanecerá pechado este mércores debido á ausencia dun traballador previsto nos servizos mínimos. Nun comunicado, a Deputación lucense explicou que dos tres efectivos esperados para cubrir os servizos mínimos deste parque, un deles “non se presentou ao posto de traballo”.
O Consorcio tentou mobilizar a outro traballador, pero non foi posible, xa que o único dispoñible atopábase no parque de Sarria e decidiu secundar a folga no momento no que “lle foi comunicada tal posibilidade”. Así, activaron o retén designado para Chantada a través dunha mensaxe certificada, pouco despois das 9.00 horas, pero “tampouco se presentou a traballar”.
Por tanto, ao non cumprir os servizos mínimos neste parque e ao priorizar os que dan servizo a unha zona de cobertura máis ampla, desprazaron aos dous traballadores de Chantada, un para Vilalba e outro para Monforte. O Parque de Chantada non prestará servizo ata o xoves ás 9.00 horas.