Como prólogo ás Festas Patronais dentro do Verán Cultural do Concello de Chantada contarase con Cine no Cantón e a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva. Citas que cada ano reúnen a familias e grupos de amigos de distintas idades para desfrutar de varios días de cultura na rúa.
Cine no Cantón propón películas de balde para todos os públicos, desde as 22:30h na Praza do Cantón. Proxectaranse os seguintes títulos:
- Luns, 12 de agosto, ¡Vaya Vacaciones!
- Martes, 13 de agosto, Ruby, Aventuras de una kraken adolescente. Repartiranse flocos de millo ás persoas asistentes
- Mércores, 14 de agosto, + Cuñados
Tamén antes das Festas Patronais terá lugar o show infantil Circo Tour. A cita segue sendo na Praza do Cantón ás 20:00h, neste caso do día 17 de agosto. Pola súa banda a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva que organiza o centro teatral Faro Miño coa colaboración do Concello de Chantada, terá lugar entre o 19 e o 21 de agosto. As citas serán tamén na Praza do Cantón, neste caso ás 22:00h. coa seguinte axenda:
- Luns, 19 de agosto, Dar Trela Teatro porá en escea a obra “Sala de Festas o Halcón Voador”.
- Martes, 20 de agosto, Centro Teatral Faro Miño de Chantada representará a obra “Intelixencia Artesanal”.
- Mércores, 21 de agosto, Ibuprofeno Teatro porá en escea a obra “O Furancho”.
Despois das Festas Patronais queda unha última cita co Verán Cultural, o 31 de agosto actuará a Agrupación Artística Bohemios, na Praza do Cantón ás 20:00h.
“Co Verán Cultural tentamos ofrecer unha programación para todos os públicos, especialmente pensada para pasar en familia; propostas de lecer que inclúen música, humor, cine, teatro,… para despedir as xornadas de verán nese espazo de reunión que é a Praza do Cantón”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.