HomeComarca de ChantadaTaboadaTaboada presenta o cartel da XXXIII edición da Festa do Caldo de...

Taboada presenta o cartel da XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos

Foi o pasado 13 de febreiro na sede da Deputación Provincial de Lugo, en Vicepresidencia. Participaron Efrén Castro, Vicepresidente da Deputación; Xosé Portela, Tenente de Alcalde do Concello de Taboada; e Manuel Diéguez, Concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Xosé Portela, Tenente de Alcalde do Concello de Taboada, quixo subliñar na presentación da obra gráfica que anuncia a “Festa do Caldo de Ósos” que resulta moi importante escribir e resignificar a historia viva do festexo co prato estrela de Taboada, lembrando tamén o lema que caracteriza o evento: “máis ca unha festa gastronómica”

Portela, especialmente orgulloso e loubando o importante papel das mulleres para manter viva esta festa, describiu o traballo gráfico coas seguintes palabras: “A obra, novidosa e diferente, de valor artístico en si mesmo, é unha acuarela de Rosa de Cabanas, que consideramos, recolle, resume e transmite, a esencia desta convocatoria: unha festa que é xa un símbolo identitario do territorio, e na que se reflicte un profundo imaxinario cultural e social, sostido e transmitido de xeración en xeración, especialmente polas mulleres de Taboada, as verdadeiras custodias da receita e do ritual cotiá que acompaña, salvagardando, protexendo e re-construíndo unha tradición que medra e se nutre cada día”.

Pola súa banda, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou “a aposta da Tenencia de Alcaldía do Concello de Taboada e da área de Cultura en rescatar e valorizar o patrimonio inmaterial ligado á celebración da Festa do Caldo de Osos, renovando un dos símbolos de identidade de Taboada”.

Manuel Diéguez, Efrén Castro e Xosé Portela. Foto: Concello de Taboada.
AUTORA E DESEÑO

A autora, Rosa de Cabanas, sustenta as súas creacións aunando tres eixos: muller, ruralidade e natureza.

Ás súas series de ilustracións Mulleres valentes (2021), Mulleres imaxinadas (2022), seguiulles a serie Mulleres compañeiras (2023), que reflicte as relacións de complicidade e apoio mútuo entre as mulleres ao longo da historia; ilustracións que amosan os lazos de compañeirismo e amizade que se crean entre elas, e tamén que recordan e reivindican o papel e a presenza das mulleres en múltiples ámbitos, de traballo e tamén de lecer. E dentro desta serie, Rosa creou no 2025, Mulleres co Mundo na Cabeza. 

É velaí que este título, e a propia obra, representen o recoñecemento ás mulleres de Taboada polo seu valor de coidar, gardar e continuar a transmitir o legado non só do caldo de ósos, se non do patrimonio inmaterial e da identidade cultural.

A FESTA
Referíndose á festa, Xosé Portela presentou a Festa do Caldo de Ósos, como unha plataforma de promoción de desenvolvemento. O interese gastronómico por este gustoso e exquisito prato consolida Taboada como destino para os amantes da gastronomía de calidade, pero tamén serve para potenciar a produción local e un produto de quilómetro cero que contribúe á riqueza agro-gandeira do territorio.

Como remate, convidou a todo o mundo a participar na que será xa a XXXIII edición, e anticipou que haberá unha ampla e atractiva axenda de actividades para todos os públicos. O programa desvelarase en vindeiras datas.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...