HomeEconomíaMedio Rural publicará o 1 de outubro as axudas para apoiar a...

Medio Rural publicará o 1 de outubro as axudas para apoiar a destilación de crise na Ribeira Sacra

O SLG-CCLL ten denunciado a opacidade da Consellería ao respecto deste tema durante moito tempo e ten en marcha a campaña #SOSRibeiraSacra, para visibilizar a pé de rúa e nas redes sociais a situación pola que están a pasar centos de persoas produtoras.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro 1 de outubro a nova liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Ribeira Sacra. A medida conta cun orzamento de 500.000 euros, pero poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros de ser necesario. Neste sentido, apoiarase a destilación voluntaria de viños tintos amparados pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da vendima deste ano.

Cabe sinalar que o montante destas achegas procede integramente de fondos propios da Consellería do Medio Rural, e responden á cantidade autorizada pola Comisión Europea como cifra máxima para a medida. A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado.  

Poderán ser beneficiarias as empresas vitivinícolas elaboradoras de viño tinto amparado pola DO Ribeira Sacra e que cumpran unha serie de requisitos establecidos na orde como, entre outros, que tiveran comprado uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizaran uva dos seus propios viñedos.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do 2 de outubro, día seguinte da publicación desta orde no DOG. A destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro de 2024, e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, co fin de evitar distorsións da libre competencia.

Cómpre lembrar que Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, solicitou o pasado mes de abril ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mediada excepcional, que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea e, a través da cal, as adegas desta denominación de orixe poden xestionar o seu excedente.

Paquete de apoio á denominación de orixe

Esta medida forma parte dun paquete de axudas enmarcado nun contexto internacional de descenso xeneralizado no consumo e comercialización de viño, especialmente dos tintos e rosados, problemática á que a denominación de orixe Ribeira Sacra non é allea.

A maiores da destilación de crise, a Consellería do Medio Rural vai de destinar outros 2 millóns de euros a unha liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Trátase dunha medida novidosa, cuxa publicación se prevé para finais deste 2024, enfocada a preservar as características desta zona e que redundará de xeito positivo na candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco.  

Terá dous grupos como destinatarios segundo o sistema de cultivo utilizado. Un deles -o tipo 1- será para o cultivo en socalcos, con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada, e o segundo -o tipo 2-, para outros tipos de cultivo do viñedo, sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.

Entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra. Dentro da PAC existen unhas axudas, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, que na actualidade só o están solicitando o 28% dos viticultores con axuda da PAC nesta zona: concretamente 95 de 339 solicitudes de agricultores que declaran viñedo.

Outra acción máis de apoio, que se realiza a través da Consellería de Economía e Industria, concretamente do Igape, son as axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva. No caso da convocatoria deste ano, que se publicou esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia, son susceptibles de apoio aqueles préstamos (aplicados á adquisición de uva do 2024) formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2024. Na pasada convocatoria resolvéronse favorablemente 38 solicitudes, o que supón facilitar ás adegas acceso a créditos por un valor conxunto que supera os 17 millóns de euros, cun investimento final de 1,8 millóns de euros.

Campaña #SOSRibeiraSacra

O SLG-CCLL ten denunciado a opacidade da Consellería ao respecto deste tema durante moito tempo e ten en marcha a campaña #SOSRibeiraSacra, para visibilizar a pé de rúa e nas redes sociais a situación pola que están a pasar centos de persoas produtoras que levan todo o ano invertindo recursos económicos na viña, “moitas delas persoas que mesmo creceron e se criaron neses mesmos viñedos, e que agora afrontan un momento de grave incerteza co seu futuro”.

A través da colocación de pancartas en varias zonas da Ribeira Sacra e dunha batería de vídeos nas redes sociais do SLG https://www.youtube.com/watch?v=curiPuc7MWM-, queren manter activa a denuncia da ausencia total de medidas reais de apoio ás viticultoras e viticultores por parte da Xunta de Galicia, ao tempo que espallan información sobre a delicada situación na que se atopa a cualificada como “viticultura heroica”, unha actividade produtiva que configura a identidade histórica, cultural e paisaxística do seu territorio.

sosribeirasacra / SLG

ÚLTIMAS

Completo programa para exaltar o aceite de Quiroga os días 14 e 15 de marzo

O sábado, 14 de marzo, a mostra abrirase co “III Congreso arredor do Aceite...

O Enterro da Sardiña despide o Entroido en Monforte

O tradicional Enterro da Sardiña puxo este mércores pola tarde o peche ao Entroido...

A Torre da Homenaxe monfortina lembrará o ‘Día Mundial do Colangiocarcinoma’

O Concello de Monforte colabora coa iniciativa da Asociación de Tumores de Vías Biliares...

“Memorias dun neno labrego”, este 19 de febreiro no Multiusos de Monforte

Nova cita co teatro este xoves, 19 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio...