A localización da Festa da Castaña do Courel altérnase desde o comezo entre Folgoso do Courel e Seoane, de modo que os anos pares celébrase en Folgoso do Courel, así que este ano o turno é para a capitalidade municipal. A festa, que se celebra no souto da Carroza de Folgoso, abrirase ás 12:00 h. co grupo Cantores do Caurel. Ás 13.30 o chef, Miguel González Quintela, lerá o pregón.
Falamos coa técnica de cultura do concello do Folgoso do Courel, Marta Arza.
Por que se escolleu ao chef Miguel González para ler o pregón?
Este ano, como novidade e para completar as propostas ao redor da festa, estase celebrando o I Concurso de Tapas Castaña do Courel. Celebrouse a fin de semana do 27 e o 28 de outubro e vaise celebrar os días 1 e 2, aproveitando a ponte. No programa da festa recóllese a entrega do premio á mellor tapa elaborada con castañas, e quen mellor que alguén do sector para a entrega do premio? Ademais Miguel ten recibido premios e recoñecementos en elaboracións con castaña.
Como se completa a programación da xornada?
Tradicionalmente cando a festa era en Folgoso facíase os domingos e Seoane celebrábaa os sábados. Este ano, ao cadrar coa ponte, decidiuse celebrala o sábado e programar tamén máis actividades. Despois do pregón actuará o grupo de música tradicional Quenindiole. Haberá degustación de balde, de castañas asadas e viño e a tarde estará amenizada por un grupo de música tradicional e unha charanga. Haberá postos de artesanía e outros produtos locais e servizo de pulpo e churrasco. Ás 20.00 h. actuará o dúo Carta de Ajuste, co espectáculo de música e humor “O mellor e o peor dos 80 e 90”. A partir das 21.30 teremos verbena, aproveitando que ao día seguinte e domingo.
A festa faise nunha fin de semana concreta cunha data fixa ou varía?
Faise sempre a comezos de novembro. A primeira fin de semana ou a segunda, neste caso faise a segunda porque coincidía coa ponte e así aproveitamos a cantidade de xente que nos visita estes días.
Vanse asar 700 quilos de castañas e estamos en ponte, canta xente se espera que acuda?
Podo dicirche que miles de persoas, ao longo do día é moi difícil cuantificar un número. Veñen moitos autobuses de operadores turísticos, organismos e asociacións que queren coñecer como se asaba a castaña de modo tradicional e que queren pasar un día diferente participando da festa e a eso hai que engadir toda a xente que aproveita a ponte para pasar uns días no Courel e a xente que vén ese día pola súa conta a gozar coa festa.
Que representa a castaña para o concello de Folgoso do Courel?
No concello celébranse dúas festas de exaltación da castaña, a Festa da Castaña que esta fin semana chega á súa 31 edición e a Festa da Pisa da Castaña que se celebra en Froxán na ponte de decembro. Na primeira a protagonista é a castaña nesta época, a castaña que cae da árbore, a castaña para asar. A Pisa da Castaña ten como protagonista a castaña seca, despois de estar no sequeiro, a castaña pilonga.
Dúas festas e un territorio cheo de soutos e de Sequeiros, esa é a importancia deste produto no Courel. Utilizábase e utilízase para a alimentación de persoas e animais e o castiñeiro vale para todo, tamén foi sempre moi útil para obter leña ou para a construción. Na paisaxe e na cultura, os soutos e a castaña son fundamentais no Courel.
Como están este ano as castañas, boa colleita?
A climatoloxía dos últimos anos non é a mellor para a castaña porque a castaña en setembro necesita choiva e este ano e o pasado, non choveu en setembro, entón a produción está sendo irregular, depende da variedade… para o sábado haberá castañas.