HomeComarca de QuirogaQuirogaQuiroga presenta o programa da XLII Feira do Viño e desvela a...

Quiroga presenta o programa da XLII Feira do Viño e desvela a pregoeira

Será os días 29, 30 e 31 de marzo, contará con 14 adegas expositoras e unha programación na que primará a música tradicional. O pregón deste ano correrá a cargo de Afra Blanco, coñecida colaboradora de televisión con raíces no Nocedo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A XLII Feira do Viño de Quiroga comeza a súa conta atrás para a súa celebración os días 29, 30 e 31 de marzo. Se hai días era noticia a presentación do cartel gañador no concurso que se convocou este ano, tendo como autora á peiteadora e maquilladora Zeltia Mateo, agora temos que falar da programación que dará contido a un dos eventos máis relevantes para o Concello de Quiroga.

Este mércores, 13 de marzo, trascendeu á prensa o programa de actividades e a súa pregoeira, que será a opinadora televisiva Afra Blanco. No que respecta ás actividades, inclúese como ‘aperitivo’ o Concurso “Val de Quiroga de Tapas”, que será do 18 ao 26 de marzo e nesta ocasión o itinerario inclúe 3 locais de San Clodio, no concello veciño de Ribas de Sil. Así mesmo, e antes da fin de semana grande, cómpre mencionar a exposición de pintura “Contrastes” de Mercedes Mondelo, que se presentará o día 22 ás 18:00 h. na Sala de Exposicións Manuel María da Casa da Cultura, e o desfile da Confraría do Viño de Quiroga o día 23 que irá acompañado da música do grupo de gaitas O Recanto. Nesta mesma data nomearase ao Gran Mestres da Confraría e a xornada rematará coa actuación de Xisco Feijoo.

PROGRAMACIÓN DOS DÍAS GRANDES DA FEIRA DO VIÑO

O venres da Feira do Viño, día 29 de marzo, desenvolverase unha cata de viños da Ribeira Sacra na Praza Maior de Quiroga a partir das 18:00 h. –con inscrición previa– e ao remate da mesma haberá unha actuación musical a cargo do grupo local Mario Colomán & The Clocks Band.

O sábado 30 dous actos marcarán a xornada. Pola mañá, o certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, e pola tarde o pregón, que como comentamos anteriormente nesta edición correrá a cargo da sindicalista e opinadora televisiva Afra Blanco. Afra naceu en Barcelona pero os seus pais son quirogueses, polo que sempre estivo ligada ao municipio. Leva anos como sindicalista de UGT, foi portavoz da sección xuvenil da organización e actualmente é responsable de Comunicación da Federación Estatal de Servicios, Movilidad y Consumo. É moi coñecida polas súas colaboracións en mesas políticas dos programas Espejo público (Antena 3), Al rojo vivo (La Sexta) e sobre todo La Sexta Xplica. Afra Blanco tamén será a encargada de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas no palco.

Ambiente na Feira do Viño 2023. Foto: XdL

Para completar a programación do sábado sinalar que ás 19:00 h. haberá un concerto a cargo do grupo “Cantos da Terra” e ás 20:00 h. recepción de autoridades no concello. A presentación previa ao pregón no Palco de Autoridades correrá a cargo da xornalista Manola Porto e do fin de festa musical encargarase Disco Móbil LB.

Chegando xa ao domingo 31, data na que remata a Feira do Viño, salientar que a alborada será cousa do grupo tradicional local “O Recanto” e ás 13:00 h. actuará o grupo “Érbedo” no recinto feiral. Un pouco antes, ás 12:45 h. farase a entrega de trofeos aos adegueiros. Pola tarde terá lugar ás 18:00 h. unha homenaxe aos viticultores de Quiroga coa escenificación teatralizada “De pura cepa” a cargo de “Queimán e Pousa”. O punto final musical poñerao a “Charanga Fuego” a partir das 18:30 h.

Grupo de música tradicional O Recanto. Foto: XMF.
ADEGAS PARTICIPANTES

No que respecta ao viño, auténtico protagonista da feira, este ano chegará da man de 14 adegas participantes. Trece delas da D.O. Ribeira Sacra: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos –Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta e Adamare Wines; e a convidada nesta edición, da D.O. Valdeorras, que será Alan de Val. 

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...