Quiroga encara o derradeiro día das súas Festas de Verán que comezaron o pasado 6 de agosto co concerto do Grupo América e unha camiñada nocturna que tivo ademais un carácter benéfico. O obxectivo principal da andaina Noite de Estrelas era o apoio á Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) e a recadación íntegra das inscricións, 2.238 €, foi doada a esta asociación para apoiar a investigación e a axuda aos pacientes e ás súas familias.
Despois de varios días con actividades para todos os públicos e moita música, este luns celébrase a Feira máis importante do ano que cadrará ademais coa XXV Mostra do Mel de Quiroga. Unha cita cun dos produtos estrela do concello. Este ano participarán 5 postos con outras tantas referencias: A Varrosa, Caurelor, Pedro Soto, Manuel Macía e Mari Carmen Macía.

A apertura do recinto feiral, situado na Rúa Real, será ás once da mañá con alborada a cargo do grupo tradicional local O Recanto. E xa ás 13:30 h. terá lugar unha sesión vermú a cargo do músico Jorge Ferre na Praza Rúa Lago.
E como peche á programación deste ano, ás 23:00 h actuará a orquestra Panorama na zona de aparcamento que hai na contorna do CEIP de Quiroga.


