HomeMedio ambiente e Patrimonio"É cuestión de tempo que o oso críe no Courel"

“É cuestión de tempo que o oso críe no Courel”

Publicado o

- Advertisement -

Pedro Alonso é dos responsábeis do espectacular vídeo dun oso atacando unha colmea en Samos. Nesta entrevista o biólogo explica como lograron a filmación e as políticas necesarias para protexer a estes animais como, por exemplo, as indemnizacións por ataques. E tamén as medidas para evitar encontros indesexados na montaña.

Colmeas atacadas polo oso no Courel | Fonte: telecinco

En Seceda había varios colmeares atacados, este estaba próximo a unha posíbel ruta de acceso do oso e ademáis era o único que restaba sen protección de pastor eléctrico, así que colocamos varias cámaras, e ao cabo de catro dias entrou o exemplar que xa coñecemos.

Para un biólogo ser quen de captar unhas imaxes así debe resultar moi satisfactorio Que valor cre que teñen?

Pois sí claro, muita satisfacción, eu nunca colocara cámaras para o oso pardo, só as coloco como método complementario no seguimento de grupos de lobos na montaña ourensana. Cando Israel Ferrero, un amigo meu veciño de Seceda e afectado por  ataques ás suas colmeas, me  comentou o problema, decidimos tentar demostrar a presenza do oso. Esperavamos un exemplar maior. Este é un exemplar xuvenil e nos videos se observa a grande destreza coa que derruba unha das colmeas, inclinandoa primeiro co brazo esquerdo  para despois impulsa-la co dereito. Ten muita habilidade, non é a primeira vez que fai isto. De momento, cremos que é a primeira vez que se grava un oso en Galiza con este comportamento.

Vostede declarou publicamente que este exemplar é probablemente o único que habite agora no Courel e que probablemente veña de Oencia, en León. En que basea tales afirmacións?

Oso Pardo nos Ancares | Fonte: turgalicia

Non, non exactamente. Non se descarta que poida haber máis osos, incluso parece que houbo danos coincidentes na mesma noite en Seceda e Paderne, e ademáis na primavera foron vistos dous xuvenís merodeando perto do Cebreiro. Agora mesmo só se pode especular coa sua procedencia, pode que veñan do norte, da área dos Ancares, ou pode que veñan do sureste, da zona de Oencia, non hai que esquecer que ten habido danos tamén por esa parte do sul do Caurel. Incluso ao longo destes anos é posíbel que os osos teñan entrado nesta serra por ambos sectores.

O oso está a aumentar a súa poboación. Serán, polo tanto, cada vez máis frecuentes os avistamentos en Galicia?

Teñense encontrado rastros de osos en Pena Trevinca, houbo osos que visitaron albarizas na Rua e no Barco, parece que se viu un oso por Baleira, en Samos, etc. Desde hai uns cinco anos hai un incremento considerábel das osas con crías, o censo  vai en aumento, de maneira que se estima en máis dun 10% a taxa anual de crecimento da subpoboación occidental, a que chega a Galiza. Isto significa que pode acompañarse dunha expansión territorial que, nuns anos, se concrete na presenza de osas reprodutoras nas áreas de maior calidade de hábitat, caso da serra do Caurel. As osas parece ser que apresentan unha acusada filopatria, de maneira que costuman reproducirse perto do territorio onde naceron. O retorno de osas reprodutoas aos Ancares tardou uns anos, e agora hai duas osas con crías. É cuestión de tempo que críen no Caurel, sempre e cando se garanta a sua tranquilidade.

A Xunta ten en elaboración un plan para protexer ao Oso Pardo en Galicia. Con todo, o Courel non aparece en principio como area prioritaria. Debería cambiarse este punto de vista tras estas imaxes?

Esta serra figura incluida na denominada “área de presenza potencial”. Non necesariamente hai que mudar esta figura, de momento, aínda que a presenza estábel de dous ou tres osos deixaría de ter carácter potencial para pasar a ser efectiva. En calquera caso, o pagamento dos danos debe estar garantido e a poboación local afectada debe percibir claramente que se apoian as suas demandas e se axiliza o pagamento das indemnizacións correspondentes.

Sempre que un animal protexido e que pode causar danos, como o oso, volve a habitar unha área, hai polémica entre os veciños e os ecoloxistas. No caso do oso no Courel, existe o risco de que interfira no desenvolvemento económico da bisbarra?

Agora mesmo hai unha corrente favorábel á presenza do oso, polo menos en Seceda. Enténdese que a existencia de osos pode representar un atractivo máis para a serra, e é unha apreciación compartida por apicultores, hosteleiros e comunidade de montes. Só a demora no pagamento dos danos pode interferir nesta sensibilidade, daí que o colectivo de apicultores afectados solicite á Xunta que trate as suas demandas coa oportuna celeridade.

Arestora, se un oso destrúe unha colmena en Galicia, hai posibilidades de solicitar indemnización? E se ataca ao gando? Depende do Concello?

As indemnizacións tramitannas os axentes de medio ambiente, que cursan os informes correspondentes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Xunta, que é o organismo competente para baremar os danos e, se procede, determinar a aprobación do seu pagamento. Isto é válido para os danos nas colmeas ou para os ataques ao gando. Calquera reclamación debe contar co informe dos axentes facultativos de medio ambiente, que valoran a presenza de indícios como rastros, excrementos, pelos, etc. para atribuir a espécie causante dos danos.

Moitos galegos só coñecen O Courel por excursións puntuais e curtas. Deben tomar algunha precaución os camiñantes ante a presencia probada do oso?

A posibilidade dun encontro casual cun oso sempre existe, aínda que é mui baixa. Normalmente costuman permanecer de día en áreas pouco visitadas, moi tranquilas, onde é difícil o acceso para os seres humanos. Así e todo, en áreas con presenza de osos debe evitarse o tránsito por zonas pechadas do bosque, onde un encontro a curta distáncia pode derivar en embestida se se trata dunha fémia con crías, e nunca se deben seguir rastros frescos, que indiquen que o animal poida estar perto. As persoas que andan á procura de cogumelos son quizáis as máis vulnerábeis, por iso é importante que  transiten sempre por áreas de boa visibilidade  e eviten, como xa dixen, as zonas remotas e pouco accesíbeis.

Na seguinte ligazón pódese ver o vídeo completo: Oso atacando colmeas de mel

 

ÚLTIMAS

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará con 50.000€ a continuidade do matadoiro de Sarria

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará cun achega de 50.000 euros para a...

Máis dun cento de usuarios e sen lista de espera no Servizo de Atención Temperá de Quiroga

Esta semana reuníronse no salón de plenos da Casa do Concello de Quiroga representantes...

En funcionamento a nova iluminación dos aparcamentos do complexo deportivo da Pinguela

Á nova iluminación da zona de aparcamentos do complexo deportivo da Pinguela, destináronse máis...

O Xeoparque organiza unha visita comentada na contorna do túnel de Montefurado

Este próximo sábado 14 de decembro o Xeoparque Montañas do Courel organiza unha xornada...