Este xoves 23 de decembro encétase o programa de actividades de Nadal no Concello de Sarria co desfile de Papá Noel e O Apalpador ‘solidario’ a partir das 18:00 h. Ademais do concello, fan posible este evento o Club Clásicos/as Sarria e os clubs e escolas deportivas da vila.
Un pouco máis tarde, ás 20:00 h. procederase a inaugurar a ‘Pista de xeo’ na Praza da Vila, permanecendo operativa e aberta ao público se nada o impide ata o vindeiro 9 de xaneiro.
Tras o descanso de noiteboa chega o 25 de decembro cunha actuación de maxia a cargo do mago local, Roberto Lolo, na Casa da Cultura ás 18:00 h.
Este mesmo día, ás 20:30 h. a Igrexa do Rosario acollerá o ‘Concerto de Nadal’ a cargo da Banda de Música de Sarria, a Coral Polifónica do Concello de Sarria e a coral Sarricanta.
O domingo 26 de decembro a axenda de eventos lémbranos que hai un partido de fútbol solidario dos equipos xuvenís da SD Sarriana e CF Calasancio ás 17:00 h. no Estadio Municipal de A Ribela; unha actuación da Apalpadora –filla do Apalpador– no Colexio de Louseiro ás 16:30 h e unha sesión de contos de Nadal co sarriaó César No ás 17:30 h. na Casa da Cultura.
OUTROS EVENTOS PARA ANOTAR NA AXENDA
Luns 27
20:00 h. na Casa da Cultura: “A tortilla e a peste”. Teatro para todos os públicos a cargo da compañía Nova Escena Teatro.
Martes 28
17:30 h. na Casa da Cultura: “Belarmina, a flamante velutina” monicreques para a cativada.
Mércores 29
Conferencia e posterior faladoiro ás 19:00 h. na Casa da Cultura con Xaime Félix López baixo o título “Rúas de Sarria. Pasado, presente e futuro”.
Xoves 30
Actividade “Ven ler con nós un poema de Xela Arias”. Despedida do ano Xela Arias con lecturas particulares e voluntarias para lembrar a súa figura e a súa obra. Será ás 17:30 h. na Casa da Cultura. Organiza a Biblioteca do IES Gregorio Fernández.
Venres 31
18:00 h. Carreira de fin de ano, a tradicional Milla Urbana de Sarria.
Domingo 2 de xaneiro
17:30 h. César No achegará máis ‘Contos de Nadal’ á cativada na Casa da Cultura.
Mércores 5 de xaneiro
A partir das 18:00 h. Visita dos Reis Magos á vila e parroquias do Concello de Sarria.