HomeDeportes“Galiza. Un pobo, unha selección” no Chanto de Sarria ata o 3...

“Galiza. Un pobo, unha selección” no Chanto de Sarria ata o 3 de marzo

A exposición, que repasa a historia do deporte galego e reivindica seleccións nacionais, inicia na localidade sarriá a súa itinerancia por distintos concellos da provincia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ubícase no Chanto, a carón da piscina cuberta da localidade. Poderá visitarse ata o próximo 3 de marzo, sendo Sarria o primeiro dos destinos nos que se presentará nos vindeiros meses ao longo da provincia.

A exposición, que consta de 20 paneis insertados en estruturas metálicas deseñadas para exterior, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas galegos nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galiza a participar con equipos propios en competicións internacionais.

“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.

A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.

O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o  único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula exitos ecomo o squash, o boseo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.

A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galiza nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.

A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.

O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galiza como a bilarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.

Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias  e no mundo do motor.

ÚLTIMAS

‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’, campaña que leva a FITUR a Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Xunta e Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra reforzarán a súa colaboración

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural,...

O Servizo de Educación e Apoio Familiar de Chantada refórzase cun psicólogo

O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento do SEAF chantadino refórzase agora con apoio...

Conta atrás para que a candidatura da ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’ sexa Patrimonio Mundial da Unesco en 2026

A Xunta de Galicia afronta con “boas expectativas” a recta final da candidatura da...