HomeCulturaFin de semana de música en Monforte e Sarria

Fin de semana de música en Monforte e Sarria

Na cidade do Cabe actuarán David Prado e Sr. Jingles en sesión nocturna este sábado 24, e mañá domingo 25 pola noite a Banda de Música de Sober. En Morgade, Sarria, estará Andrés Montes en sesión vermú dominical.

Publicado o

- Advertisement -

Este sábado 24 hai unha dobre cita coa música na praza España de Monforte. A partires das 22:30 horas actuarán o lucense David Prado e a continuación o grupo valdeorrés Sr. Jingles.

David Prado, artista lucense que chega a Monforte para presentar o seu último traballo “El viaje perfecto” no que engloba os puntos cardinais do amor, a felicidade e o desamor.  No álbum predomina un pop máis fresco e experimental dos últimos anos, e o son do hammond e moog impoñen o seu ritmo e a súa pausa.

David Prado. Cedida.

Sr. Jingles: “actitude, compromiso e rock & roll” son palabras que definen perfectamente a Sr. Jingles, a banda liderada por Ramiro Núñez, cantante, músico e compositor nacido en 1983, no Barco de Valdeorras (Ourense). Con influencias de primeiras figuras nacionais do rock clásico como Carlos Tarque, M-Clan ou da escena indie como Vetusta Morla, Sr. Jingles dispara un rock contundente, cheo de enerxía, con bos riffs de guitarra e letras cargadas de significado.

O seu álbum de debut “El Grito Wilhelm” é unha alegoría da protesta e a denuncia social, unha chamada á cordura expresada en 12 cancións onde o autor fala de temas cruciais para toda a sociedade: a guerra, a violencia de xénero, as drogas, a política, ou o cine. O seu primeiro single “Fénix” sonou xa na Cadena 40 Principales de Vigo ou en Onda Cero Lugo.

O domingo 25, na parroquia de Morgade, Sarria, a sesión vermú entre as 13:00 e as 15:00 h. correrá a cargo do coñecido Andrés Montes, líder da banda Gin Toni’s. Nesta ocasión actúa en solitario co seu espectáculo “Aves de paso”, tributo a Joaquín Sabina. A actuación enmárcase no ciclo “Vermú no Camiño” que patrocina o Concello de Sarria e a Xunta de Galicia.

Xa pola noite, e dentro do programa “Musiqueando pola provincia de Lugo” que promove a Deputación de Lugo, terá lugar, ás 22.30 horas na praza de España de Monforte o concerto da Banda de Música de Sober, que a principios de agosto celebrou o seu 150 aniversario.

ÚLTIMAS

457.000€ para mellorar o servizo de recollida de lixo no Saviñao

Entre o novo material destaca un camión con sistema de carga traseira, destinado á ...

Dous meses de actividades educativas e de concienciación en Chantada para celebrar o 8M

A programación de actividades comezará o venres, 6 de marzo, co contacontos, “Somos iguais...

O luns, 2 de marzo, abre o novo Ximnasio Municipal  

Coa apertura do novo ximnasio complétase a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela,...

OPINIÓN: Aval definitivo ao “valor de referencia”

QUE É O VALOR DE REFERENCIA? Comecemos polo principio abordando brevemente que é isto do...