InicioCulturaFestas romanas ou das de toda a vida?

Festas romanas ou das de toda a vida?

Este sábado coinciden no concello de Quiroga as celebracións do Qui-Roma, a Festa do Ouro de Margaride e as festas do Soldón da Seara nas montañas do Courel.

Publicado o

- Advertisement -

A comarca de Quiroga conserva importantes pegadas do paso dos romanos polas súas terras. Algúns deses vestixios atópanse na localidade de Margaride de Lor onde houbo unha intensa actividade de minaría aurífera, conservándose varias galerías coñecidas como “covas do medo”. Aproveitando este pasado, a Asociación de Veciños/as de Margaride decidiron hai 8 anos celebrar a “Festa do Ouro” na que se fai unha ambientación romano castrexa con diferentes actividades divulgativas e festivas. No programa deste ano destacan pola mañá as visitas ás adegas romanas, antigas explotacións auríferas, con música tradicional de acompañamento; a Misa en latín ás 14:00 h. e un xantar no campamento castrexo-romano. Pola tarde, a partir das 18:00 h., unha actividade infantil que consiste na busca do ouro e unha conferencia sobre a traxectoria da olivicultura en Quiroga a cargo de José Sánchez Espinosa. Pola noite, festa e rituais celtas co “Meigo do tea”.

Este mesmo sábado 18 de agosto, sen saír da capitalidade de Quiroga, temos o “Qui-Roma”, evento que chega á súa V edición. A localización neste caso é exclusivamente no casco urbán da vila e, recreando tamén o pasado romano e castrexo, destaca pola música e polas diferentes actividades de carácter lúdico e festivo. A organización, ano tras ano consegue involucrar a máis xente para que se caracterice de castrexo/a ou romano/a e busca completar unha xornada con numerosas actividades para todos os públicos. Na edición deste ano destacan os paseos de burros para os pequenos/as, os desfiles da Guardia Romana e dos Castrexos, a actuación da batucada “Xituma Batuke” e a mostra de productos e artesanía. Organiza a Asociación Qui-Roma coa colaboración do Concello de Quiroga.

Qui-Roma 2016. Foto: Ramón Vila

AS FESTAS DE TODA A VIDA

E para aqueles aos que non lles guste este tipo de recreacións máis ou menos artificiais e prefiran as festas de toda a vida sempre terán a opción de achegarse a Soldón da Seara, en pleno Courel e xa unha das últimas aldeas do concello de Quiroga. Celebran as festas na honra a San Miguel e, de sete ou oito veciños durante o ano, pasan a encher o souto convertido en campo da festa. Pola mañá non pode faltar a misa e procesión, amenizada esta última polos gaiteiros Os do Recanto,  e a continuación xantar popular no que se xuntan unhas duascentas persoas. Resulta emocionante, segundo nos conta Sindo, da comisión de festas, que se xunte tanta xente e tantas familias que están todo o ano esparexidas polo mundo adiante. No Courel, como en tantas outras zonas do rural galego, a emigración e o envellecemento da poboación está desangrando as aldeas.

Un detalle moi importante e destacable tamén desta festa é que pola tarde ten lugar o popular “xogo de bolos”. Ano tras ano manteñen a tradición sendo dos poucos lugares do Courel onde aínda conservan este ancestral xogo galego. Ao redor da pedra boleira xúntanse os que queren participar e os que veñen de fóra teñen que esperar a que alguén “dos clásicos” os conviden a formar parte da partida. Bótanse contos, hai desafíos e moita retranca. Os bolos son moi pequenos e a bola para guindalos o máis lonxe posible non é realmente esférica senón máis ben cilíndrica. Resulta importante a técnica, a forza e a precaución para non deixarse dedos ou unllas na pedra… Outra curiosidade,  o campo dos bolos está en plena estrada, co cal se pasa un coche hai que interromper a partida e en moitas tiradas os bolos van á silveira ou se perden nas cunetas cheas de monte.

Xogo dos bolos en Soldón. Foto: Xosé Manuel

Cando escurece e rematan os bolos achégase a hora da pancetada para repoñer forzas e bailar. O trío “Sensaciones” amenizará a noite e ata que o corpo aguante.

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...