HomeCultura17 de maio por un futuro para a lingua

17 de maio por un futuro para a lingua

Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego nas Terras de Lemos, Chantada e Quiroga, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais, anunciaron en Monforte diante da escultura de Manuel María, a manifestación pola lingua que terá lugar o 17 de maio en Santiago de Compostela ás 12:00 h.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Xosé Manuel Fernández, voceiro de Queremos Galego en Monforte, lembrou na foto presentación da manifestación de Compostela, que todos os avances para o galego conseguíronse “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego.

Fernández advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.

Para convidar á mobilización do vindeiro 17 de maio tamén participaron algúns mestres do IES A Pinguela e do IES Daviña Rei que fixeron unha foto co cartel, imaxe que se partillou nas redes sociais.

Mestres so IES A Pinguela convidando a participar na manifestación do 17 de maio / XdL
IES Daviña Rei convida a participar na manifestación do 17 de maio. Foto: IES D.R.

Aproveitando esta presentación, o responsable da Mesa Pola Normalización na zona de Lemos, avanzou tamén que neste mes de maio darase a coñecer unha importante campaña a prol da normalización do galego coñecida como “Autocolantes en galego para pediatría”, que consistirá na distribución de adhesivos con fraseoloxía galega para a cativada que é atendida nos ambulatorios das comarcas do sur de Lugo. Deseños todos realizados por ilustradores e debuxantes destas comarcas.

Carteis que anuncian o acto

Plataforma QUEREMOS GALEGO

A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, mais dende Queremos Galego recordan que para que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.

“Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advirten dende a Plataforma convocante. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, lembran. Nesta liña rematan afirmando que “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais” e que “é unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego”.

Amósanse convencidos de que un novo futuro para o galego é posíbel se cidadanía, entidades sociais e gobernos van na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. “A lingua galega une e representa o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia”, din.

ÚLTIMAS

Monforte licita por 280.000€ as melloras do pavimento da Avda de Galicia- Rúa Chantada e Rúa Vigo

Ambas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o...

Olga Novo da man con Begoña Caamaño no Día das Letras en Quiroga, este 15 de maio

Baixo o título, “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo”, a escritora e...

A Ribeira Sacra potencia a súa candidatura co 27º encontro internacional do Convenio da Paisaxe

Os participantes poñerán en común as iniciativas que están a levar a cabo nos...