InicioCulturaBieito Romero: “Tras 32 anos con Luar na Lubre teño un sentimiento...

Bieito Romero: “Tras 32 anos con Luar na Lubre teño un sentimiento de satisfacción e soño cumprido”

Este sábado 22 de setembro celébrase no concello da Pobra do Brollón a V edición do Festival “As Cores de Outono”, un evento que pon en valor a música tradicional galega. Bieito Romero, ademais de actuar con Luar na Lubre, ofrecerá un faladoiro aberto a todos os públicos. En Xornal de Lemos cóntanos xa algunhas cousas.

Publicado o

- Advertisement -

Bieito Romero é membro fundador do grupo Luar na Lubre. Gran estudoso das músicas tradicionais e dos países celtas, é un músico moi recoñecido en Galicia e destaca tamén nas facetas de compositor e produtor.

Luar na Lubre ten publicados 18 discos e conta con 32 anos de existencia. Case nada… que resumo fas desta traxectoria?

Se tivese que dar un titular, “satisfacción e soño cumprido”. Si, son 32 anos, pero ao longo dos mesmos atopei complicidade, ilusión e moito traballo compartido co resto dos compoñentes do grupo. Luar na Lubre sempre se caracterizou polo traballo, cada dous anos sacamos ao mercado un traballo discográfico e aínda que houbo entradas e saídas no grupo o proxecto sempre se mantivo en pé. As transicións no musical e no artístico sempre foron boas, en xeral fomos sempre un grupo estable e con equilibrios internos; e grazas a iso contamos con esta dilatada traxectoria.

A música folk e celta móvense por modas, ciclos ou tendencias? Está condenada a vivir nun ámbito limitado?

As músicas celta e folk na nosa cultura son músicas minoritarias, teñen un camiño que percorrer no que hai moitos atrancos. Ten un número de ouvintes limitado e sen espazo nos medios. Terían que abrirse camiños nos medios de comunicación e non interesa. Noutros lugares do mundo hai moitos programas de música e dedícase tempo á emisión e divulgación deste tipo de músicas pero aquí non, e moitos temas chegan a ser os máis escoitados das listas de éxitos. Aquí semella impensable este escenario, os seguidores desta música serán minoría pero se non lle damos opción ao público a coñecela convértense en músicas abandonadas. E con isto non quero dar unha “visión queixumeira”, só é o reflexo dunha realidade, poucas axudas, desatención dos medios e intereses institucionais mínimos.

Fóra do país, onde se segue con máis interese a Luar na Lubre?

Teño que dicirche que o oitenta por cento dos concertos que damos son fóra de Galicia. Temos un público fiel en Galicia pero, por sorte, tamén percorremos moitos países e moitos continentes, penso que só hai un continente no que non estivésemos, Oceanía.

Non che sabería dicir en que país ou países somos máis queridos, seguidos ou vendemos máis, sinceramente. En xeral estamos moi satisfeitos con todos os concertos e vendas a nivel internacional e igual destacaría Holanda porque debe ser o país onde máis concertos temos feito, enchendo teatros incluso,  grazas a un programador que nos leva moito por alí. En Europa moi ben e tamén en América onde iremos en novembro. Teremos unha xira que nos levará polas cidades de Santiago de Chile, Montevideo, Córdoba e Bos Aires.

Ribeira Sacra’ é o voso último traballo, editado neste 2018. Por que este título?

Varios son os motivos, pero os fundamentais foron que meu pai era da Ribeira Sacra, concretamente de Melón Baixo no concello de Esgos, e que gran parte do material sacámolo desta zona. Concretamente da Ribeira Sacra ourensá: as Cantigas de Santa María, a natureza e a paisaxe, a historia de “Romasanta”… Moitísimo material, tanto que xa pensamos nun futuro traballo, unha segunda parte de Ribeira Sacra, e neste caso terá que ir dedicado á Ribeira Sacra lucense.

Que destacarías deste traballo?

Moitas cousas pero por dicir algunha o feito de que encaixamos a música nun contexto natural, incorporamos sons moi nosos, da nosa cultura popular, do día a día, daquilo que nos identifica coa vida e coas tradicións… Entre esas sonoridades, por exemplo, podemos escoitar o son do lume nunha chouriceira, o crepitar do lume nunha lareira, o son dun carro xunguido, a roda dun muíño, o son do amencer en San Pedro de Rocas ou a muiñeira tocada con campás no campanario de Esgos. Esta última marabilla foi obra dun veciño da Teixeira.

Este sábado, que nos contarás no Faladoiro das Cores de Outono?

Pois será unha charla sobre a música galega e sobre a traxectoria de Luar na Lubre. Tamén haberá quenda de preguntas e debate para que poida intervir o público.

Presentación do festival “As Cores de Outono” / XdL

o festival “as cores de outono”

O programa do Festival comezará ás 16.00 h. cun Faladoiro na casa da cultura con Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre. A partir das 19.30 h. haberá actuación do circo clown, “Circo Chosco”. Os concertos comezarán ás 21.00 h. na área recreativa Samugueiros. Estarán presentados polo humorista, poeta e dramaturgo Lois Pérez e actuarán Searas, Os Carapaus e Luar na Lubre.

Segundo o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, a cita coas Cores do Outono está xa consolidada no sur da provincia como Festival de referencia para afondar nas diferentes vertentes da nosa cultura, “plantéxase como unha cita multidisciplinar na que a música tradicional galega é a protagonista, acompañada do teatro ou o cine.”

 

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...