O BNG de Quiroga conmemora o centenario do pasamento do intelectual galego, Manuel Murguía, cunha conferencia sobre a súa figura. Será este venres, 31 de marzo, na Casa da Cultura de Quiroga ás 19:30 h. sendo o relator o escritor e historiador quirogués, Xosé Estévez. Presentará o acto o concelleiro nacionalista e candidato á alcaldía, Xosé Manuel Fernández.
Na charla achegarase tamén información de interese sobre as dúas mulleres máis importantes na vida Manuel Murguía: Concha Murguía e Rosalía de Castro.
María Concepción Murguía naceu en Oiartzun, localidade onde reside o escritor e historiador quirogués, e foi xustamente el quen chegou a esta conclusión froito dunha investigación. Coñecido este dato, no 2000 promoveu un acto homenaxe para honrar a súa figura presentándose un libro sobre a ascendencia vasca de Manuel Murguía. No ano 2010 esta homenaxe pasou a ser un recital de poesía vasco-galega, que se conservou ata a actualidade nesta localidade. Respecto a Rosalía de Castro, a súa dona, lembrarase tamén que Murguía foi un apoio intelectual e social importante para ela, a quen apoiou e animou sempre na súa carreira literaria.
Centenario do pasamento de Manuel Murguía
Este 2023 cúmprense cen anos da morte de Manuel Murguía, unha figura de referencia da literatura galega e fundador da Real Academia Galega. E foi precisamente esta institución quen, xunto co Concello da Coruña, abriron a principios de febreiro os actos de homenaxe ao escritor. Un dos actos consistiu en colocar unha placa conmemorativa do centenario da súa morte na tumba que ten no cemiterio de San Amaro. A frase escollida para que luza na mesma, sentencia súa sobre o valor da nosa lingua, foi a seguinte: “O primeiro é o noso idioma, el prométenos o porvir que procuramos”.
“Dende o BNG de Quiroga sumámonos así, con esta charla-coloquio, aos actos de homenaxe a Murguía e mantemos o compromiso de realización de actividades culturais que reforzan a nosa identidade e o noso intelecto”, sinala Xosé Manuel Fernández.