HomeCulturaCirco e charla abren este venres o festival As Cores do Outono...

Circo e charla abren este venres o festival As Cores do Outono na Pobra do Brollón

Este venres comeza na Pobra do Brollón a novena edición das Cores do Outono, festival de música galega de raíz de referencia no sur de Lugo. Tres días de actividades que comezan ás 17:30 horas deste venres na Casa da Cultura cunha charla sobre crianza e sexualidade, enmarcada no programa Ler conta moito. Ás 20:00 circo para todos os públicos, Autoestopista galáctico da compañía Pistacatro. O espectáculo será no anfiteatro da área recreativa de Samugueiros, ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ en caso de choiva.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Os concertos son o foco do festival, este ano con tres propostas buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos: Mondra, Abril e Xurxo Fernandes co seu espectáculo Levaino!.

Os tres concertos terán lugar o sábado 23 a partir das 21:00 h na área recreativa Samugueiros. Xurxo Fernandes presentará xunto coa súa banda o espectáculo Levaino!, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva.

Abrirán os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

Tras Abril e Xurxo Fernandes, a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo. Os concertos contarán con presentacións improvisadas a cargo das Brindeiras da Guimaralia.

A programación do sábado compleméntase cuns obradoiros de baile a cargo de Ruth Pérez. Serán na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón, e haberá dúas quendas: de iniciación ás 18:00 h e de perfeccionamento ás 19:00 h.  

Ademais, este ano haberá un Punto Violeta atendido por persoal de Servizos Sociais do Concello e pola concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro. No posto ofrecerase información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista.   

O domingo ás 19:00 na Casa da Cultura rematará o festival co espectáculo teatral O Auto do Castromil, da compañía Excéntricas en coprodución con Centro Dramático Galego e dirección de Quico Cadaval.  

A obra foi escrita por Manuel María e forman o elenco: Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Eles serán os encargados de levar ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña ‘a través da curiosa historia da Galiza’. O Auto do Castromil chega á Pobra do Brollón a través da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

“Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”, os días 2 e 3 xuño

Co título “Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”,  o encontro afondará...

Comunicado do PP de Monforte respecto do Bar Anchoas

O expediente sobre esta instalación no Paseo do Malecón establece a obriga aos actuais...

A Piscina Climatizada Municipal de Chantada faise máis accesible

A Piscina Municipal de Chantada poñíase en funcionamento en decembro do 2002. As instalacións...

Quere o teu mercado desenvolveuse este sábado na Praza de Abastos de Monforte

Como parte da promoción, dende o Concello de Monforte, organizaron unha degustación de produtos...