Trátase da partida económica máis alta destinada polo Executivo de José Tomé para os premios dos diferentes concursos do Entroido, cun incremento do 16,60%. “Incrementamos os importes en practicamente todas as categorías, e especialmente os premios ás Carrozas e ás Comparsas”, subliña o rexedor monfortino.
A primeira cita é o concurso do Xoves de Compadres, que se vai celebrar o 1 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 8 de febreiro, terá lugar o Xoves de Comadres. O Desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido realizarase o 13 de febreiro, e ó día seguinte, o mércores 14, terá lugar o Enterro da Sardiña.
O Alcalde animou “a todos os monfortinos e monfortinas a participar nos diferentes concursos de Entroido que convocamos, e tamén animo a participar a xente doutros Concellos, dado que o Martes de Entroido destinamos unha partida de 2.500 euros para comparsas e disfraces de fora de Monforte”.
Xoves de Compadres e de Comadres
Establécese unha categoría para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na Praza de España.
Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social. Os premios para cada unha das convocatorias son os seguintes, tendo unha partida máxima de 1.900€ tanto para o concurso de Compadres como o de Comadres:
Individuais 1º premio: 75 euros 2º premio: 50 euros Accésit: 25 euros | Colectivos 1º premio: 120 euros 2º premio: 95 euros Accésit: 50 euros | Outros premios -Premio á etnografía: 125 euros -Premio á crítica social: 125 euros |
As solicitudes para inscribirse no concurso do Xoves de Compadres terán que presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica do mesmo, dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello. O prazo para facelo rematará o vindeiro 31 de xaneiro ata as 14 horas.
No caso do Xoves de Comadres, xa está tamén o prazo aberto e o último día para inscribirse é o 7 de febreiro ata as 14 horas.
Martes de Entroido: Desfile de comparsas e disfraces
O día grande do Entroido en Monforte será o martes 13 de febreiro. Xa está aberto o prazo de inscrición no desfile de comparsas e disfraces, e o derradeiro día para poder inscribirse neste concurso, presentando a correspondente documentación no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica do mesmo, é o 9 de febreiro ata as 14 horas.
O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte de Lemos e outra para disfraces e comparsas de fóra do Concello.
A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes pode chegar ós 1.200 euros e no caso das que sexan de fóra ascenderá a 450 euros.
Por outra parte, haberá premios de 200 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escena e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.
O Desfile de comparsas e disfraces comezará o 13 de febreiro ás 17:00 h na praza da Estación. Percorrerá as rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal Rodrigo de Castro e finalizará na praza da Compañía.
O xurado cualificará as comparsas na praza da Estación de 16:00 a 17:00 h. Os disfraces individuais concentraranse obrigatoriamente na praza da Estación ás 16:30 h, onde o xurado as identificará. Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social.