Na zona sur da provincia, as visitas da Apalpadora comezaron este martes en Ribas de Sil e este mércores trasladarase ao Auditorio Municipal de Chantada desde as 10:30h.
Trátase dun espectáculo de narración oral e música en directo no que Antía Vázquez – a filla do Apalpador – e o musico André Espiñeira contan ás crianzas a historia deste personaxe do Nadal, transmitida a través da tradición oral, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán, e revitalizada na última década grazas ao impulso de asociacións e colectivos culturais de todo o país.
A filla do coñecido Apalpador toma o relevo do seu pai e baixa das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas. Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.
O calendario de representacións na metade sur da provincia é o seguinte:
- Venres, 13 decembro, Escola Infantil Xela Arias. Sarria. 10:00 horas
- Mércores, 18 decembro, Escola Infantil Galiña Azul. Chantada. 10:00 horas.
- Xoves, 19 decembro, CEIP Rosalía de Castro. Bóveda. 10.00 horas.
- Venres, 20 de decembro, CEIP Plurilingüe O Páramo. 12.00 horas.,
- Sábado, 21 de decembro, Local Veciñal Tuiriz. Pantón. 16:00 horas e Club Fluvial de Monforte. 18:00 horas.
- Domingo, 29 de decembro, Oficina de Turismo de Carballedo. 18:00 horas e Colexio de Louseiro. Sarria. 20.15 horas.
- Luns, 30 de decembro, Salón de Actos Cuartel Vello. Taboada. 13:00 horas e Círculo O Saviñao. 17:30 horas.
A deputada, Iria Castro, explica que “se trata dunha programación que poñemos en marcha por quinto edición consecutiva desde a Vicepresidencia da Deputación e que reforzamos este ano, tratando de dar resposta ao interese cada vez maior das asociacións de nais e pais e das asociacións culturais, especialmente de concellos e parroquias rurais que buscan ofrecer propostas de ocio para estas datas”.