InicioCulturaO Círculo Saviñao, 60 anos como referente cultural en Escairón

O Círculo Saviñao, 60 anos como referente cultural en Escairón

Esta sociedade recreativa e cultural pola que pasaron, entre outros, intelectuais lucenses da talla de Uxío Novoneira ou Manuel María, celebra esta fin de semana o seu 60 aniversario con diferentes actividades. Falamos co seu presidente, Enrique Sampil.

Publicado o

- Advertisement -

Chegar aos sesenta anos como entidade non debe ser doado tendo en conta as diferentes xeracións que coinciden nela, a conciliación de intereses e sobre todo o financiamento dos gastos de local e actividades que se realizan cada ano. O Círculo Saviñao naceu como punto de encontro alternativo aos bares, como espazo onde poder coincidir xente con inquietudes culturais e de lecer, como se dunha segunda casa se tratase e rodeados de veciños/as con gustos e curiosidades afíns. No seu local social teñen cabida dende exposicións e presentacions literarias ata conferencias e actuacións en directo de grupos de música, cantautores, humoristas, magos, narradores, poetas…

Este venres, día propio do 60 aniversario, organizan unha conferencia co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde. O sábado 22 haberá un concerto de Pepe Piña Grupo e o domingo 23 unha actuación para os pequenos/as a cargo do dúo Contacánticos.

Quedamos co seu incombustible presidente, Enrique Sampil, para coñecer un pouco máis do pasado pero tamén do presente desta sociedade, un referente cultural para varias xeracións no Saviñao e na súa contorna. Sampil é Director do IES A Pinguela en Monforte de Lemos e leva 35 como presidente do Círculo Saviñao en Escairón. Un tipo serio, formal, moi activo na organización de actividades e ben considerado no seu entorno social. Non debe ter costume de saírse moito do guión e no uso da diplomacia recorre á retranca como bo galego; un exemplo, cando lle preguntamos polo grado de implicación e participación de socios/as contéstanos: “podería ser maior”…

Conferencia a cargo de Rosendo Bugarín González. Fonte: Círculo Saviñao

Como naceu o Círculo Saviñao e con que intención? 

Foi unha iniciativa da xente moza e menos moza que vivía en 1958 en Escairón para ter un lugar de encontro, diferente dos habituais bares, onde poder facer bailes, ter conferencias e reunirse para falar e tomar algo nun ambiente diferente, do mesmo xeito que outras vilas de maior poboación xa tiñan constituído ou estaban a punto de crear. Intereses comúns (amor polo xadrez, polo dominó, a lectura, o debate,… ) argamasaron unha iniciativa que tivo o apoio de gran parte dos veciños con capacidade económica de Escairón e doutros lugares do Saviñao. O presidente da comisión impulsora foi don Juan Bautista Dapena Eiré e na primeira xunta elixiuse presidente do Círculo Cultural Recreativo Saviñao a José Ramón Seoane Rocha.

Institución cultural, pero non exclusivamente?

Somos desde o seu nacemento unha institución que se denomina “cultural e recreativa” e cremos que a denominación responde á realidade desa sociedade durante estes 60 anos.

Moitas actividades e moitos intelectuais, verdade? Algúns que destacarías nestes 60 anos?

O Círculo leva realizadas centos de actividades durante toda a súa historia. Xa inaugurou o local social actual un 12 de outubro de 1960 cunha conferencia de don Luís Moure Mariño. Ata esas, estivo nun baixo arrendado na praza maior de Escairón.

Destacaría o impulso de veciños como Antonio Rodríguez López, José Mariño, Ceferino Díaz, Tito Varela,… e de antigos presidentes da sociedade como os xa citados Juan Bautista Dapena Eiré e José Ramón Seoane Rocha e posteriormente Enrique Pérez Losada, Mario López Fernández, Adolfo Pavón Vázquez, José Antonio Varela Díaz, Raimundo Nieto Trujillo, Germán Baliña López e Camilo Rodríguez Curto, …

Con cantos socios/as contades na actualidade? Algún perfil ou patrón de socio/a?

Uns 160. A maioría veciñas/os do Saviñao pero tamén temos de fóra. Idade media e alta sobre todo. Tamén temos socias/os mozos, pero cómpre maior implicación da xente máis nova para garantir o futuro.

Cónstanos que tedes unha programación anual moi interesante. Que tipo de actividades organizades?

Culturais e recreativas. Música en directo de xeito habitual, conferencias, presentacións de libros, participamos todos os anos nas actividades da Federación Galega de Círculos e Casinos culturais (este ano organizamos a súa romaría anual), bailes, …

Actuación en directo de Kepa Junkera. Fonte: Círculo Saviñao

Polo Círculo Saviñao pasou xente como…? 

Recordamos moitas ducias de colaboradores, a todos os que agradecemos a súa colaboración. Por citar só os que faleceron recordamos a don Antonio Fraguas, Francisco del Riego, Pablo Moure Mariño, Manuel María, Carlos Casares, Uxío Novoneira, Antonio Rodríguez López, Xosé Filgueira Valverde, Xosé Neira Vilas, Xosé Chao Rego, Gustavo Bueno, …

Resulta difícil e custoso financiar tantos e tan interesantes eventos? 

É difícil e custa bastante. A nosa sociedade vive sen subvencións públicas, só coa aportación dos nosos socios/as, polo que cómpre a implicación dos veciños para que exista cando menos compensación baixas e altas.

Como valoras a participación dos socios/as e dos non socios/as tanto á hora de colaborar como á hora de asistir ás actividades?

Podía ser maior.

 

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...