Nailía vén de ser distinguida co II Premio Trevo de Narrativa en Galego 2026 o pasado mes de xullo. O xurado destacou a riqueza da linguaxe empregada pola autora, a autenticidade da súa voz narrativa e a capacidade para construír un universo literario profundamente enraizado e de gran credibilidade. Este novo galardón súmase ao Premio Torrente Ballester de Narrativa en Galego 2024, reforzando o percorrido dunha obra que está a obter un importante recoñecemento.
Pero este sábado o protagonismo estivo en Torbeo. Presentar Nailía no lugar onde naceu a súa autora converteu o encontro nun acto especialmente próximo, no que literatura, raíces e pertenza á terra estiveron moi presentes.
Na mesa, durante a presentación, acompañaron a autora: Antonio Paz, en representación da Asociación de Veciños e Veciñas de Torbeo, Luis Fernández, concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ribas de Sil e Rocío Rodríguez, da Librería Pelayo de Monforte de Lemos e editora de Peruchela Edicións.
Decenas de veciños e veciñas de Torbeo e persoas visitantes tiveron a oportunidade de falar coa escritora e pedir que lle asinanse o seu libro. Desde o Concello de Ribas de Sil felicitan á autora “É un orgullo que unha autora nacida no noso concello continúe levando consigo o nome e as raíces de Torbeo e de Ribas de Sil a través da literatura.”

Loli Rodríguez presentación Torbeo / Concello de Ribas de Sil

