O Concello de Quiroga contará cun curso de iniciación ao galego especialmente indicado para aquelas persoas que se achegan por primeira vez ao galego. Trátase dun curso presencial, de 20 horas, co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas que chegan dende lugares de fóra da comunidade.
Este curso ten un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.
O curso, con capacidade para 20 participantes, é gratuíto e impartirase na modalidade presencial do 26 ao 30 de outubro en horario de 9:30 a 13:30 h. na Casa da Cultura (Aula Cemit). Para poder participar, será necesaria inscrición presencial na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura (Rúa Real s/n 1º andar). As prazas cubriranse por orde de solicitude.

Contidos do curso
Ten unha duración de 20 horas repartidas en 5 unidades. Nelas vanse estudar nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática hai unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música etc.).
O curso, que impulsan as Concellerías de Servizos Sociais e Dinamización Lingüística farase efectivo cun mínimo de inscricións e chega ao Concello de Quiroga tras ofrecemento do mesmo por parte do Departamento de Formación da Cruz Vermella de Lugo. O concelleiro, Xosé Manuel Fernández, traslada o seu agradecemento á Cruz Vermella e amosa unha gran satisfacción por facer posible que a xente que chega a Quiroga cun proxecto de vida que contribúe a dinamizar o censo poboacional e a economía do concello teña tamén a oportunidade de integrarse lingüisticamente.

