Este sábado 23 o Concello de Sober organiza un concerto de saxofóns do grao superior do Conservatorio de Música de Ourense. A actuación celebrarase ás 20:00 h. no Centro Sociocultural da localidade e a entrada será de balde.
Os protagonistas son 18 músicos, rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos. Ao rematar convidarase aos presentes a un viño.
Tamén en Sober, terán lugar as I Xornadas Ornitolóxicas organizadas polo GDR Ribeira Sacra Caurel, neste caso en sesións ao longo do sábado 23 de marzo pero tamén en sesión matinal o domingo 24.
A ornitoloxía empeza a verse un reclamo máis para atraer visitas á Ribeira Sacra. Esta actividade vai nesa liña, poñendo ademais en valor o hábitat tan propicio na zona para atopar paxaros en gran número e variedade.
En canto ás xornadas, de inscrición previa e gratuíta, o programa para o sábado 23 é o seguinte:
9:30h. Recepción de participantes.
10:00h. Apertura das xornadas polo GDR Ribeira Sacra-Courel.
10:30h. A Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), Canón do Sil e contorna. Falará Álvaro Barros.
11:15h. As catro estacións na observación das aves no Canón do Sil, charla que corre a cargo de Óscar Rivas.
12:00h. Pausa-Café.
12:30h. Rapaces e especies rupícolas emblemáticas do Canón do Sil, tamén tendo a Óscar Rivas como ponente.
13:15h. A ornitoloxía como fonte de riqueza: o turismo ornitolóxico. Tratará este tema Antonio Sandoval.
14:00h. Pausa para o xantar.
16:30h. Ruta guiada pola contorna e observación ornitolóxica. Con Antonio Sandoval.
18:30h. Fin da xornada.
O domingo 24, en sesión matinal e como remate das xornadas, o programa será o seguinte:
7:00h. Instalación de redes para o anelamento científico de aves.
8:00h. Xornada de anelamento. Obradoiro práctico. Os encargados desta formación serán Cristina Maestro e Alberto Monteagudo.
11:00h. Pausa-Café.
11:30h. As caixas-niño. Utilidade, modelos, construción e materiais. A cargo de Carla Soaje.
12:15h. Obradoiro práctico de elaboración de caixas-niño. Os formadores serán Carla Soaje e Daniel Anido.
14:00h. Fin da xornada.