Desde as 10:00 h. deste 20 de abril, os postos e paradas medievais, dispostos polas rúas da zona histórica e tamén na Praza de Abastos, estarán xa abertos ao público. Este ano serán 117, 56 dedicados á artesanía, 34 relacionados co comercio e 27 que destinados á alimentación.
Ás 12:00 h. uns Pregoeiros da época informarán, desde o estrado da Praza España, do que acontecerá estes días para a continuación ceder o protagonismo do momento ao Alcalde. Este inaugurará oficialmente a feira cun saúdo, dándolle a benvida a dous xigantes restaurados –os Condes de Lemos- e dando paso a unha salva de artillaría cunha réplica dunha bombarda do século XIV.
Nesta mesma localización, desenvolverase durante toda a fin de semana o Campamento Medieval no que ademais de exposicións de armas e utensilios medievais haberá obradoiros sobre oficios, disciplinas militares e xogos da época.
Repetindo o espazo do pasado ano, a Praza de Santo Antonio, estará a agrupación “Águilas de Valporquero” coa cetrería, un dos atractivos da feira medieval, coa mostra, exhibición e espectáculo de aves de rapiña. E para os que queiran practicar a puntería co tiro de arco o club de tiro Arco Lemos organiza prácticas de tiro no Adro da Régoa sábado e domingo en horario de mañá e tarde.
Para os máis pequenos/as será unha parada obrigatoria o Campamento Infantil Medieval situado na rúa Santa Clara, na Praza das Madres Clarisas. En horario de mañá e de tarde, sábado e domingo, haberá diferentes xogos medievais e atraccións infantís como a noria, o carrusel, o barco e a baqueta medieval. Para eles tamén é moi recomendable a Caravana de burriñas con saída na Praza Doutor Goyanes.
Na tarde do sábado, no estrado da Praza España, e despois da concentración dos participantes no VIII Concurso de Traxes Medievais, terá lugar a valoración do xurado e o Nomeamento de Donas e Cabaleiros das Mesnadas do Cabe. Xa ás 17:30 h. farase entrega de premios para os mellores traxes do concurso devandito e tamén para os mellores do V Concurso de Decoración de Balcóns e do VI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros.
Nesta edición aumenta o número de actuacións de rúa e de espectáculos que amenizarán a Feira Medieval durante toda a fin de semana. Destacar, no apartado de espectáculos, o denominado “A luz do Medievo” no que se combinan acrobacia e técnicas de aéreos e “A queima do Pazo dos Condes” no que se combinan a manipulación de lume e a pirotecnia fría coa música, a danza, os malabares… Este último número remata coa espectacularidade da queima da fachada, na Praza Luis de Góngora.
Entre un espectáculo e o outro, sobre ás 21:00 h., terá lugar a subida dende a Praza de España ata o Parador. Unha subida que cada ano ten máis participantes que se unen nunha comitiva con fachos en man para subir a San Vicente acompañados dos Tambores, Bufóns e Trobadores Medievais de Troula e o grupo de música medieval Himnodium. A continuación desta queima soltaranse uns faroliños que encherán de luz o ceo de Monforte nesta noite máxica.
Para os amantes das Xustas Medievais, tanto sábado como domingo, ás 18:00 h. no campo de terra do Colexio Padres Escolapios, cabaleiros, escudeiros e soldados de Hípica Celta escenificarán un Torneo Medieval con combates de espadas, rotura de lanzas a cabalo, desafíos verbais, nomeamentos de vencedores, etc.
Os diferentes establecementos da cidade –Asociación de Hostalería de Monforte de Lemos– ofrecerán menús medievais.
Para consultar a programación ao detalle podedes acceder á páxina web do concello.