O artista Antón Lamazares homenaxea a Novoneyra na mostra, Flor de Novoneyra

Flor Novoneyra, inclúe máis de 100 obras que amosan un diálogo e unha fusión entre as verbas do poeta do Courel, Uxío Novoneyra, e a pintura do autor, Antón Lamazares, artista consolidado no panorama cultural a nivel internacional

Inauguración da exposición / Deputación Provincial

A exposición que se pode ver ata o 21 de xullo na Sala de Exposicións do Museo Provincial, presenta unha antoloxía plástica a través da selección de pinturas do artista; unha mostra de caligramas orixinais de Novoneyra e unha aportación gráfica, bibliográfica e documental do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A mostra, complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Llorente e cunha selección de edicións dos seus libros.

Nesta exposición, Lamazares transcribe os versos de Novoneyra empregando o Alfabeto Delfín, un código, creado, polo propio autor, que se inspira no abecedario occidental. Con el, Lamazares homenaxea ao seu pai e emprégao en diferentes facetas da súa vida e obra dende o ano 2012.

A día de hoxe, Lamazares é un dos pintores galegos con maior proxección internacional. A súa obra é recoñecida dentro e fóra da comunidade, exhibíndose nos museos máis prestixiosos de España e en galerías internacionais de referencia. O entorno rural que marcou a súa infancia deixou unha profunda influencia no seu imaxinario. O seu interese pola poesía e a súa relación de amizade con poetas, son dúas constantes do seu universo creativo.

 

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here