A etapa lucense ‘do Gran Camiño’ pasará por 11 concellos do sur de Lugo

A volta ciclista profesional “O Gran Camiño”, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, foi presentada o 21 de xaneiro en Compostela contando coa presenza do deputado de Deportes, Efrén Castro.

Presentación da volta 'O Gran Camiño' en Santiago de Compostela. Foto: Prensa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A primeira das catro etapas da volta ciclista profesional “O Gran Camiño” será o vindeiro 23 de febreiro e traerá algúns dos mellores ciclistas e equipos internacionais as comarcas de Lugo, Sarria, A Ulloa, Chantada e Lemos. 

O pasado mes de decembro confirmábase que a saída será en Lugo e a chegada en Sarria, concretándose tamén o itinerario do pelotón, con paso polos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, o Incio, Samos e Sarria. Un total de 188 quilómetros, con tres portos de montaña: Alto de Fontenla (2ª categoría), Cruz do Incio (3ª categoría) e San Fiz (3ª categoría).

Efrén Castro sinalou que “esta segunda edición de O Gran Camiño ofrece unha oportunidade única para amosar ao mundo o patrimonio cultural e natural de Lugo e das comarcas do Sur, xa que a presenza dos grandes nomes do ciclismo internacional asegura a atención mediática e deportiva sobre a proba”.

O responsábel provincial, ciclista afeccionado e practicante dende hai anos, referiu que o deseño do percorrido desta edición leva os ciclistas por algúns dos monumentos e espazos naturais máis emblemáticos da metade sur da provincia, desde a Muralla de Lugo ou o mosteiro de Samos ata a praia da Cova, no Concello do Saviñao. Ademais, o percorrido da proba transcorrerá polo centro histórico de Lugo e atravesará núcleos coma Guntín, Taboada, Chantada, Escairón, Monforte, Bóveda, O Incio, Oural, Samos e Sarria, localidade referente do Camiño de Santiago e fin de etapa.

PARTICIPACIÓN DESTACADA E PROXECCIÓN TURÍSTICA

A organización confirmou a presenza na proba dos equipos Team Jumbo-Visma Cycling, Movistar, Astana, Cofidis, Eolo Kometa e Corratec, e de nomes propios como o do vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

Segundo trasladan tamén da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, O Gran Camiño permitiu o ano pasado que as paisaxes galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión e, principalmente, da emisión de Eurosport, constituíndo unha auténtica “xanela ao mundo” para Galicia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here