O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polos Concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, supervisou este mércores a evolución das obras de reforma do Pavillón municipal da Pinguela.
Na visita, José Tomé destacou que “algo máis de 120 días despois do inicio das obras, e con máis dun 70% da obra executada, xa se pode apreciar cal vai a ser a nova imaxe da instalación deportiva. Unha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permiten crear un novo ximnasio e almacén na planta baixa e aumentar a zona destinada a despachos en 85 m2”.
A adxudicación desta importante obra fíxose por un importe de 3.708.051,62€, o que supuxo un baixa do 3,10% (118.627,03€) con respecto ó presuposto base de licitación. Foi adxudicada no mes de marzo á UTE Construcciones Castro Figueiró S.L.U.-Xestión Ambiental de Contratas S.L.
A financiación da obra é compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52% do orzamento (1.984.462,24€) e o Concello de Monforte que aportou o 46,48% restante (1.723.589,38€).
Actuacións que se están a realizar
Na planta baixa crearase un novo ximnasio, unha zona de almacén e ampliarase a actual zona de despachos. Ademais a escaleira vai a ser substituída por unha nova que libere espazo en recepción. Na planta superior, onde se centra o máis importante da reforma, vaise aumentar o número de gradas para conseguir un aforo acorde ó alto nivel das competicións disputadas, de tal modo que a grada que hai na actualidade amplíase con catro filas máis de gradas, dúas na parte superior e outras dúas na parte inferior e deixando espazos para prazas de persoas con mobilidade reducida.
Crearanse tres gradas máis, tanto no lado oeste, como nas dúas cabeceiras, voando cara ó exterior para mellorar a visibilidade dentro do pavillón e que lle vai conferir unha nova imaxe actual e atractiva. O aumento tanto en número de gradas, como a ampliación da que existe actualmente, permite aumentar o aforo das instalacións en máis do dobre con respecto á actualidade, neste momento temos un aforo de 465 persoas e unha vez rematada a obra estaremos a falar dun total de 1.198 localidades. “Isto permitirá celebrar competicións ó mais alto nivel.”
A sede de oficinas e locais amplíase en 85 m2 máis e dótase dun novo espazo para ximnasio, que actualmente non hai, para que os clubs completen a súa preparación e que terá unha superficie de 131m2.
Renovaranse totalmente os vestiarios, contando con 6 espazos, incluíndo un específico para persoas con mobilidade reducida. Tamén se fará de novo o teito e illado para humidades e temperatura. Unha das partidas mais importantes de toda a reforma correspóndese co epígrafe de climatización, preténdese que sexa máis confortable, máis eficiente e respectuoso co Medio Ambiente.
En canto ó resultado exterior, trala reforma, a fachada actual e os novos volumes, vanse revestir a base de SATE con un zócalo pétreo hasta a altura das ventás e o acceso ó pavillón marcarase mediante un pórche para relacionalo coa piscina anexa. Por outra banda, as zonas redondeadas que completan a fachada, aportaranlle modernidade e actualidade á imaxe do edificio.