A Asociación PRODEME de Monforte de Lemos dará un novo paso na súa traxectoria deportiva coa participación na ‘Copa Campeones’ da Fundación ACB, unha competición de baloncesto dirixida a persoas con discapacidade intelectual que reúne equipos vinculados aos clubs da máxima categoría do baloncesto estatal.
Durante esta tempada 2026-2027 a entidade representará ao Río Breogán, a través da Fundación Breogán, dirixida por Luis Abel Taboada, “unha persoa que sempre mantivo un firme compromiso coa asociación monfortina e coa promoción do deporte inclusivo”, subliñan dende Prodeme. Esta nova colaboración é tamén resultado da boa relación existente entre ambas as entidades e da implicación da devandita fundación na creación de oportunidades deportivas para as persoas con discapacidade intelectual.
A segunda edición da Copa Campeones foi presentada este mércores, 14 de outubro, en Barcelona, nun acto ao que acudiron Manuel Luaces, como adestrador do equipo, e Diego Pérez, como deportista da entidade, en representación da asociación monfortina.

JAVIER CORTIÑAS, RESPONSABLE DE COORDINACIÓN DO PROXECTO
A posta en marcha e a xestión deste novo equipo están coordinadas por Javier Cortiñas, subdirector de PRODEME e directivo do CB Lemavos, unha persoa estreitamente vinculada ao baloncesto monfortino desde hai moitos anos. Cortiñas é o encargado de manter o contacto coa Fundación Breogán e de coordinar os aspectos organizativos necesarios para facer realidade a participación da asociación nesta competición.
UN NOVO AVANCE PARA PRODEME
Á traxectoria xa contrastada na participación en competicións deportivas, especialmente as organizadas por Special Olympics Galicia (fútbol sala, atletismo, petanca, basket), Prodeme suma agora unha nova aventura. A presenza na ‘Copa Campeones’ reafirma a súa aposta polo deporte como ferramenta de inclusión, autonomía persoal, convivencia e desenvolvemento das capacidades das persoas con discapacidade intelectual.
Agora, a posibilidade de representar a un club histórico como o Río Breogán nunha competición impulsada pola Fundación ACB abre unha nova etapa para os seus deportistas, que poderán compartir experiencias con equipos doutras localidades do Estado e vivir de primeira man o ambiente dunha competición vinculada ao baloncesto profesional.
Desde PRODEME queren expresar o seu agradecemento á Fundación Breogán e, especialmente, ao seu director, Luis Abel Taboada, polo compromiso e a colaboración que vén mantendo coa asociación ao longo dos anos. Unha relación que vai máis alá deste proxecto e que demostra a importancia de establecer vínculos sólidos entre as entidades sociais e deportivas.

