Á xornada de ‘Montes de Saberes’ celebrada o pasado 28 de maio en Taboada asistiron como poñentes Jorge Filgueiras da consultora Foresga, Antonio Mota, técnico da Comunidade de Montes de Tuiriz e Francisco J. Dominguez resineiro e formador. Tivo unha gran acollida de público e nela compartíronse os desafíos e retos que teñen as Comunidades de Montes e como os abordan coa axuda e colaboración de asesorías-consultorías forestais expertas e cada vez máis enfocadas na optimización de recursos.
Debatiuse sobre a necesidade da multifuncionalidade para aportar crecemento económico para a fixación poboacional no territorio e da necesidade de man de obra especializada que poida realizar todas aquelas actividades necesarias tanto para as Comunidades como para os particulares que teñen que ver coa sostibilidade do territorio.
PROFESIÓN DE RESINEIRO E CONCLUSIÓNS
Presentouse a posibilidade de realizar formación de resineiro como opción profesional rural, dado que a resina é un produto moi demandado actualmente e que ten moitas posibilidades de crecemento e desenvolvemento. Combinando esta profesión coas colaboracións puntuais coas Comunidades pódese ofrecer un emprego / emprendemento de calidade para a fixación poboación (tal e como compartiron como caso de éxito na CMVMC de Tuiriz, con U).
A conclusión dos participantes foi moi positiva e manifestouse o desexo de continuar profundizando e indagando sobre as posibilidades de multifuncionalidade que nos ofrece o monte.
VINDEIRAS XORNADAS EN SOBER E CHANTADA
A próxima xornada terá lugar o próximo 4 de xuño na Casa da Cultura de Sober de 18:00 a 20:00 horas. Nela exploraranse as oportunidades que teñen as Comunidades de Montes para a xeración de riqueza e creación de postos de traballo a través da multifuncionalidade do monte. Estarán presentes, Antonio Mota Mogrobejo. Técnico de la Comunidad de Montes de Tuiriz e Javier Mariño da empresa Cerna, entre outros.
En Chantada, a cita será o 5 de xuño, de 17 a 19h, cunha charla no Auditorio Municipal, que será impartida por Paloma Vázquez Fernández, Xefa da Área Provincial de Turismo de Lugo da Axencia de Turismo de Galicia, na que se abordarán as seguintes temáticas:
- Tipoloxía de aloxamentos turísticos: albergues, casas de turismo rural, agroturismo…
- Actividades complementarias: lexislación aplicable a turismo activo, de natureza, etc.
- Restauración: diferenzas normativas entre bar, restaurante, salón de eventos, catering…
- Axudas e subvencións.
As persoas interesadas poden anotarse na seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/H7zm7ujxmN ou chamando/enviando whatsapp ao 648 16 68 48.
Unha vez concluídas as reunións territoriais convocarase unha reunión conxunta con todas as Comunidades de Montes interesadas en activarse e ofrecer un futuro no rural. Estará prevista para a segunda quincena de xuño ou primeira quincena de setembro.