HomeEconomíaÉ tempo de cocido na Ribeira Sacra

É tempo de cocido na Ribeira Sacra

O Estase cocendo foi presentado xa de xeito oficial, chega á súa XI edición e, seguindo a estrutura de anos anteriores, inclúe algunhas novidades no apartado de dinamización. Monti Castiñeiras exerceu de compadre e recoñeceu o seu gusto tanto pola contorna como polo cocido.

Publicado o

- Advertisement -

O acto oficial tivo lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra este 8 de febreiro e nel estiveron presentes o alcalde de Monforte, José Tomé, a secretaria territorial da Xunta, Marta Barreiro, e a delegada da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo -APEHL- en Monforte de Lemos, Beatriz Vila. A presentación correu a cargo de Manola Porto, xornalista da emisora de radio Onda Cero Monforte. Nun emotivo momento da presentación fíxose público que dende a Delegación Sur da APEHL se decidira dedicarlle estas xornadas a Mario Roldán, un actor monfortino moi aprezado que finou hai pouco máis dun mes despois de loitar durante anos contra unha dura enfermidade.

Na edición deste ano participan uns 35 establecementos repartidos polos concellos de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Portomarín. Durante as fins de semana dende o 9 de febreiro ao 10 de marzo ofrecerán tapas especiais e menús a base de cocido e por encargo. Algúns aloxamentos farán prezos especiais e tamén se unen algúns bares musicais e pubs de Monforte e de Chantada ofrecendo noites festivas para os que saian de copas estes días.

As persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a un porco de 100 quilos da Devesa dos Formigueiros. Levará o premio quen teña a papeleta coas catro últimas cifras do número premiado no sorteo da ONCE do 16 de marzo.

O padriño foi o actor galego Monti Castiñeiras, imaxe do evento nesta edición. Mostrouse moi amable, cordial e recoñeceu que lle gusta o cocido e que tanto el como a súa parella veñen dende hai anos á Ribeira Sacra. No seu relato insistiu en que é un lugar que lle gusta moito e que vai seguir vindo e recomendándoo sempre que teña ocasión.

‘Santos’, personaxe de Monti Castiñeiras en Serramoura. Fonte: Monti C.

actividades de dinamización

Para incentivar que visite a Ribeira Sacra xente de fóra e que os de aquí saian das casas e participen nas Xornadas de Cocido de Entroido da Ribeira Sacra, haberá rutas a cabalo e visitas guiadas por Monforte a cargo da empresa Turisana. Estas actividades rematarán coa degustación do cocido, como non podía ser doutro xeito. Xa en marzo destacar dúas interesantes iniciativas, o sábado 2 de marzo vaise organizar un cocido de mulleres, que estando xa metidos de cheo no entroido, irán disfrazadas. E o seguinte sábado, 9 de marzo, está prevista unha quedada de motos guiada para facer unha ruta pola Ribeira Sacra con final gastronómico especial de cocido. Non se pechará a porta aos homes que queiran unirse, se ben a condición para que podan participar é que vaian disfrazados de mulleres.

Estase Cocendo é unha iniciativa de APEHL que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa la colaboración de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, o Centro do Viño da Ribeira Sacra, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Asociación Prodeme.

 

ÚLTIMAS

O 7 de xullo celébrase a I Festa Interxeracional Concello de Chantada

A Festa terá lugar o 7 de xullo no pavillón do colexio Eloisa Rivadulla....

Martín Alemparte, anterior xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, toma posesión como director da AGACAL

O acto desenvolveuse no complexo administrativo de San Caetano. Durante a celebración a conselleira...

Luisa Villalta segundo Olga Novo, este 31 de maio en Quiroga

A relatora será a profesora, escritora e tradutora da Pobra do Brollón, Olga Novo;...

Formación en cestaría para a Asociación As Cavarcas do Incio

Dende As Cavarcas destacan a importancia de que a institución provincial, a través da...