HomeEconomíaForo Vivenda Ribeira Sacra, cara un pacto territorial pola vivenda

Foro Vivenda Ribeira Sacra, cara un pacto territorial pola vivenda

O Parador de Turismo de Monforte de Lemos acolleu este 19 de xuño o Foro Vivenda Ribeira Sacra 2026, unha xornada de análise, debate e proposta arredor dun dos grandes desafíos que afronta o territorio: o acceso á vivenda e o seu papel como elemento clave para a fixación de poboación, a atracción de talento, o desenvolvemento económico e o equilibrio territorial.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O encontro estivo organizado pola Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e reuniu representantes institucionais, profesionais do urbanismo e da arquitectura, expertos en políticas de vivenda, entidades financeiras, emprendedores, organizacións empresariais e representantes das administracións públicas.

A iniciativa nace da preocupación existente na comarca pola falta de vivenda dispoñible, as dificultades de acceso para mozos, familias, novos residentes e traballadores, a necesidade de rehabilitar o parque inmobiliario existente e a importancia de mobilizar vivendas baleiras para poñelas ao servizo do desenvolvemento do territorio.

Desde Ribeira Sacra Next considérase que a vivenda debe abordarse como unha cuestión estratéxica e transversal. A falta de inmobles dispoñibles non só afecta á poboación residente, senón tamén á capacidade das empresas para atraer e fixar talento, á chegada de novos proxectos e á consolidación dun modelo de desenvolvemento sostible para a Ribeira Sacra.

Vivenda, prioridade para futuro da Ribeira Sacra

O foro desenvolveuse ao longo de toda a xornada, en horario de 9:30 a 19:30 horas, e estruturouse arredor de diferentes mesas de traballo nas que se analizaron os principais retos e oportunidades vinculados á vivenda no medio rural. A programación comezou coa benvida oficial e coa presentación da xornada a cargo de representantes da CEL, da CEO e da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next.

A primeira mesa, dedicada ao diagnóstico, abordou a situación actual da vivenda na Ribeira Sacra e no medio rural galego, poñendo o foco nas principais dificultades existentes e nas oportunidades que poden abrirse para o territorio.A segunda mesa centrouse nos instrumentos e ferramentas dispoñibles para facilitar o acceso á vivenda, impulsar a rehabilitación, mobilizar inmobles baleiros e favorecer a chegada de novos residentes e traballadores.

A continuación, a mesa sobre gobernanza analizou a necesidade de coordinación entre administracións, entidades profesionais, axentes económicos e sociedade civil para deseñar políticas eficaces, avaliar resultados e avanzar cara a solucións compartidas.Xa pola tarde, representantes das principais formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia participaron nunha mesa dedicada á acción pública en materia de vivenda, na que expuxeron as súas propostas e visións sobre este reto.

A última mesa da xornada estivo centrada en explorar un pacto pola vivenda na Ribeira Sacra, co obxectivo de sentar as bases dun espazo estable de colaboración que permita dar continuidade ao traballo iniciado neste foro.

O Foro Vivenda Ribeira Sacra 2026 quere converterse nun punto de partida para abrir un proceso de reflexión e acción arredor da vivenda, entendido como un factor decisivo para o futuro demográfico, económico e social da comarca. Entre os temas que se abordaron destacan a planificación territorial, a rehabilitación do patrimonio inmobiliario, a mobilización de vivendas baleiras, as necesidades do tecido empresarial, o acceso á vivenda para novos residentes e traballadores, e as oportunidades que poden contribuír a garantir un desenvolvemento sostible e equilibrado da Ribeira Sacra.

Foro vivenda / Ribeira Sacra Next

ÚLTIMAS

Chantada pon en valor as súas máis de 35 hectáreas de zonas verdes nunha nova edición de Vilas en Flor

O xurado do certame vén de visitar Chantada para coñecer os avances levados a...

Monforte recolleu 7.550 toneladas de lixo no 2025

A fracción do residuo clasificado como ‘resto’ é a de maior peso, con 6.680...

O PP de Monforte considera “un anuncio propagandístico” que Tomé comece agora a tramitación do PXOM

O PP de Monforte asegura que considera necesario o Plan Xeral de Ordenación Municipal...

Iniciativas do Xeoparque Montañas do Courel para impulsar a normalización do galego

Esta iniciativa, impulsada conxuntamente polos tres concellos que integran o Xeoparque —Ribas de Sil,...