Xosé Maceda naceu no Incio no 1977 e, aínda que rematou a carreira de Económicas na Universidade de Vigo, volveu ás Terras do Incio para dedicarse á música e, dende hai uns anos, á construción de instrumentos de percusión. Os seus primeiros coñecementos musicais foron adquiridos no Conservatorio do Incio e na “Asociación A Ouriceira”, entidade que tivo o seu momento forte nos anos oitenta. “Agora está inactiva pero chegou a ter unhas setenta persoas bailando”, lembra Xosé. “Daquela había moita xente e recordo que as fins de semana os bares estaban cheos”, engade con morriña.
Maceda empezou a tocar percusión na Banda de Música de Paradela, colectivo no que estivo tres anos, e despois xa entrou en contacto con asociacións e grupos de música e baile tradicional en Vigo, cidade á que foi estudar Económicas no ano 1996. Estando na cidade olívica tivo como profesor a Luís Prego e empezou a recibir clases de zanfona con Anxo Pintos, no ano 2000 fundou con outros músicos o grupo tradicional Quempallou e do 1998 ao 2002 aproveitaba as fins de semana no Incio para dar clases de percusión, gaita e baile.
“Estando na cidade olívica tivo como profesor a Luís Prego e empezou a recibir clases de zanfona con Anxo Pintos”
A súa etapa de Vigo rematou no 2004, e dende aquela deu clases en Sarria (2004), en Monforte (2005-2006) e na Escola de Música da Pobra do Brollón (2008-2012). A partir deste momento -ano 2012- centrouse na construción de instrumentos de percusión e na realización de obradoiros relacionados con este oficio. Falamos con Xosé Maceda para coñecer a súa etapa en Quempallou e para afondar no seu oficio de “construtor de percusión”.
Tes unha dilatada traxectoria como mestre de percusión, gaita e baile. Con cal te quedas das tres disciplinas?
O que máis me gusta é a percusión.
Na túa traxectoria como mestre de música, a etapa que máis continuidade tivo foi a da Pobra do Brollón. Cóntanos como foi a experiencia.
Eu fun un dos que empezou na Escola de Música do Concello e o meu paso por alí foi moi satisfactorio. Tiven moi bo trato co Goberno Local e co alumnado. O proxecto que nacía daquela aínda se mantén, sinal de que está funcionando ben.
Cónstanos que fuches un dos artífices do grupo Quempallou. Que recordos gardas deses anos?
Moi contento desa fermosa etapa. E si, fun un dos fundadores xunto co meu irmán Roi, con Guillerme Ignacio, Anxo, Bernardo, Mui e Guillermo. Gardo moi bos recordos daquela época, foi un grupo que tocou moito, tiñamos uns 30-40 concertos cada ano en concellos e festivais.
Un grupo que se lembrará, que marcou unha época.
Creo que si, chegamos a editar 4 discos máis 1 en versión dixital. E no directo, todos eran bos concertos, faciamos música de festa que funcionaba moi ben.
“E no directo, todos eran bos concertos, faciamos música de festa que funcionaba moi ben”
Canto durou?
Quempallou naceu no 2000 e durou dezaseis anos.
Cando apostaches por dedicarte á construción de instrumentos de percusión?
No ano 2012.
Como che xurdiu esa inquietude?
Metade curiosidade e un pouco ligado a que era percusionista. Empecei construíndo para min e acabou sendo a miña profesión.
Cal foi o primeiro instrumento que fixeches?
Un bombo para Quempallou. Quería un bombo cunhas medidas específicas, que non había no mercado, e acabeino facendo eu.
Como foron os principios no oficio?
Serve de moito tocar instrumentos, sabes como teñen que soar… e despois ensaio-erro. Tiven contacto previo con moitos construtores aínda que xa sabía como se facían os procesos.
“Serve de moito tocar instrumentos, sabes como teñen que soar”
Algún obradoiro ou curso que lembres especialmente?
Un obradoiro de instrumentos populares da Deputación de Ourense, no ano 2014. Foi con Manuel Brañas e aprendín sobre todo a “tornear”.Fixen unha gaita, foi a primeira e a última. Unha toma de experiencia boa pero non tirei por aí, o meu eran os instrumentos de percusión.
Que instrumentos son os que máis fas?
Tambores, bombos, pandeiros, pandeiretas, tarrañolas, baquetas…
Como saben de ti os potenciais clientes?
A maioría chega por amizades, de obradoiros, a través de asociacións culturais e dende o 2019 nalgunhas feiras. Non teño web nin tenda virtual.
Cal é o perfil habitual de comprador?
Xente que toca ou que se apunta para tocar algún instrumento. E tamén xente que encarga para agasallar.
Algún encargo curioso que lembres?
O ano pasado, unha rusa que estaba no campo de traballo do Castro de San Lourenzo da Pobra do Brollón levoume unha pandeireta. Aprendeu a tocar algo no campamento porque lle deron unha formación básica e quixo levar unha de volta ao seu país.
Que madeiras empregas?
Piñeiro, unha das madeiras máis dócil para virar, nogueira, pradairo e cerdeira. Son madeiras nobres, duras e teñen moi boa sonoridade.
Como se fai para conseguir darlle a forma circular á madeira?
Para ‘virala’ traballamos con dous procesos. “O mecánico”, cun rodillo dentado que fai presión sobre a peza e que vira no sentido contrario; e o “proceso por cocción”, neste caso as fibras da madeira ceden ao humedecerse coa humidade de altas temperaturas. Trátase de cocer ou vaporizar a madeira. Métese en auga durante unhas horas e despois encáixase nun molde de ferro tamén quente.
Outro material básico para o teu oficio é o coiro. Cóntanos.
O coiro ten que ser de ovella e de cabra, pero tamén pode ser de años e de cabritos. Mercámolo xa preparado para construír e chéganos de diferentes lugares, do país… e dos países veciños (risas).
Como se consegue unha boa sonoridade?
“Na música tradicional non existen estándares sonoros”. Isto é positivo porque dá moita riqueza pero, por outro lado, fai que os instrumentos teñan que ser moitas veces personalizados. Pódese dicir que neste oficio “traballamos principalmente o son”. O que nos interesa é que a relación calidade-prezo estea baseada nun resultado sonoro e non estético.
“Na música tradicional non existen estándares sonoros”
Contrastas esa sonoridade con músicos?
Trato de ter en conta as opinións dos que tocan, dos que se dedican profesionalmente.
Resulta importante, supoño, ter información do destinatario/a do instrumento?
En casos de profesionais, de xente que se dedica a música temos que buscar elementos que faciliten a técnica. No caso de pandeiretas que estas sexan lixeiras e que soen moi ben. Primeiro de todo que teñan boa sonoridade, e despois, nalgúns casos tamén a estética para que luzan en concertos, para darlle un toque persoal ao artista… Pero en xeral a estética é secundaria.
Pódese dicir que fas un traballo case personalizado?
Traballo por encargo pero non vendo se o cliente non está a gusto co resultado sonoro final. Non deixa de ser unha garantía de satisfacción do cliente.
“non vendo se o cliente non está a gusto co resultado sonoro final”
Danse casos de non aceptar o encargo cando xa está rematado?
Non é o habitual.
Xosé Maceda traballa entre O Incio e Monforte, lugares onde ten espazo de traballo para construír os instrumentos que lle encargan. Ademais de dedicarse á fabricación tamén ofrece obradoiros de construción en concellos e asociacións. O seu correo de contacto é xosemaceda@gmail.com