InicioEn profundidade“Creo xoguetes para xogar e aprender”, Antonio Fernández, artesán

“Creo xoguetes para xogar e aprender”, Antonio Fernández, artesán

No medio de xoguetes comerciais e fabricados como churros, aínda se atopan xoguetes como os de antes grazas a creadores artesáns como este que atopamos en Quiroga.

Publicado o

- Advertisement -

Antonio Fernández Vicente, “Toño” para a xente que o coñece máis, naceu en Montefurado, unha fermosa aldea de Quiroga. Estivo uns anos en Lugo dende a súa época de bachiller, e volveu ao seu concello de orixe no 1997. Cóntanos que de novo tiña afección pola talla en madeira, afección á que lle dedicaba os ratos libres, e pasado o tempo, cando tivo fillos, aplicou a maña que tiña coa madeira a facerlles xoguetes a eles.

Pero chegou un día no que a súa compañeira María Jesús o animou a xuntar unhas cantas creacións súas, xoguetes e xogos de enxeño, para levar á coñecida Festa da Pisa de Froxán e ver se tiñan saída e gustaban á xente. Seica se deu ben a cousa. A experiencia gustoulle, comprobando ademais que a xente valoraba o seu produto e que vendera moito máis do esperado. A partir de aquí foi cando decidiu seguir por este camiño.

En Quiroga rexentaba unha tenda de produtos de ortopedia e pouco a pouco foi derivando este negocio cara o que é agora, unha tenda-obradoiro de xoguete e xogo artesán. Falamos con Antonio da súa traxectoria e do proxecto “Enxógate”.

De pequeno, que xoguetes eran os teus preferidos?

O máis importante era xogar cos amigos na rúa, e para iso calquera cousa podía converterse nun xoguete.

“Os máis divertidos eran os que creabamos nós dependendo da ocasión, ou da película que botaran ese día na tele…“.

Facíalos ti, logo?

Todos tiñamos xoguetes comerciais, aínda que nin a décima parte dos que manexan hoxe a maioría dos rapaces. Cada un de nós aportaba os que tiña, e compartiámolos xogando. Pero os máis divertidos eran os que creabamos nós dependendo da ocasión, ou da película que botaran ese día na tele… se tocaba mosqueteiros pois xa estabamos a buscar botellas de plástico e paus para facer floretes e montar a nosa propia aventura.

Tenda de Enxógate en Quiroga. Foto: A. Fdez.

Entón xa sabemos que a afección pola construción de xoguetes vénche de pequeno. Cóntanos.

Sempre me gustou darlle o meu toque persoal aos meus xoguetes, unha especie de “tuneado enxebre”.

E como decides dedicarlle máis tempo a esta afección para ir converténdoa en oficio?

A verdade é que foi miña dona a que me empurrou á aventura, animoume para que creara unha serie de xogos e os levara a Froxán, á Festa da Pisa da Castaña. E a verdade é que a aceptación que tiveron superou con creces as mellores das miñas expectativas e iso foi o que me animou e embarcarme nesta aventura. Por iso sempre lle terei un cariño especial á xente de Froxán, á Festa da Pisa e á Asociación Fonte do Milagre.

Dedícaste de pleno ao xoguete artesanal ou é un complemento máis na economía familiar?

Empezou sendo un complemento, unha especie de “hobby con beneficios”, pero neste momento é a miña profesión, ao que me dedico a tempo completo, sobre todo dende a creación do meu novo obradoiro, con zona de exposición e venda, na rúa Real, nº 175 de Quiroga.

“Empezou sendo un complemento, unha especie de “hobby con beneficios”, pero neste momento é a miña profesión”.

Que canles de venda son as que empregas? 

A principal e a venda directa en mercados de artesanía, tamén está a venda no propio taller e acabo de estrear a miña páxina web “enxogate.es” en outubro para dar un pouco de máis visibilidade ao meu produto. Por certo, non lle puxen ‘carriño’ porque prefiro rematar a operación por teléfono, correo electrónico ou whatsapp.

Como fas agora, neste ano de pandemia que botou abaixo o circuíto de feiras de artesanía?

Pois dándolle mais protagonismo á páxina web, e movendo un pouco máis as redes sociais. E de paso, aproveitar ese tempo extra no taller para centrarme en novas creacións.

Moitos xoguetes dos que fabricas lévannos a moitos pais e nais á infancia. A quen lles entran máis polo ollo, a pais e nais ou a fillos/as?

O meu obxectivo é facer coincidir os gustos, por iso intento adaptar xogos de sempre a situacións e personaxes actuais.

Xoguete “A cara máis divertida”
Xoguete “Móbil paracaídas”

Cales son os máis vendidos e que reto de creación tes por diante?

Creo que non hai ningún que destaque sobre os outros, porque depende do sitio, a data, o público… Pero creo que a maioría busca xoguetes creativos, no que o protagonismo o teñan a nena e o neno, non o xoguete. E como reto teño en mente facer algún ‘autómata xigante’, que mida 1,50 por 1,50 metros… a ver, necesito tempo pero algún día poñereime (risas).

“Creo que a maioría busca xoguetes creativos, no que o protagonismo o teñan a nena e o neno, non o xoguete”.

Cónstanos tamén que estás apostando pola liña educativa e de enxeño. Cóntanos.

Ao final os xoguetes non son máis que ferramentas para xogar e aprender, por iso creo que temos que darlles ás nosas nenas e nenos xoguetes que lles permitan experimentar e activar o seu cerebro practicando a súa habilidade, lóxica e enxeño sen case darse conta.

Á hora de sacar adiante as túas creacións, que hai de recuperación de xoguete antigo e que de innovación?

Creo que se pode innovar sen perder a raíz, por iso intento achegar as dúas cousas o máis posible, e penso que cada vez hai máis público que demanda iso. Eu vou seguir ese camiño.

Algunha anécdota ou experiencia desas para lembrar?

Hai anos fíxome ilusión que se achegara ao meu posto un profesor e que me falara dun proxecto. A imitación da “maletiña viaxeira” este profesor pensou nunha ‘maleta dos enxeños’. A idea foi meter nunha maleta xogos de enxeño e que cada neno a levase para a súa casa durante 15 días para intentar resolvelos. Despois de contar a súa experiencia esa maleta tería que pasar a outro alumno/a. A idea seica funcionou pero descoñezo se o seguen facendo.

Antonio Fernández co posto de xoguetes e xogos nunha feira. Foto: A. Fdez.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...