InicioEn profundidadeJosé Luis Arias: “gustaríame ter en miniatura os monumentos máis representativos dende...

José Luis Arias: “gustaríame ter en miniatura os monumentos máis representativos dende Pedrafita a Santiago”

Falamos con este artista sarriao que deixou a ilusión de ser arquitecto polo camiño para anos despois, xa na xubilación, aplicar coñecementos deste oficio na construción de espectaculares recreacións a escala de monumentos de Sarria e do Camiño de Santiago.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

José Luis Arias López é de Sarria, pero como moitos galegos e galegas tamén viviu a experiencia da emigración en Barcelona, cidade na que estivo aproximadamente unha década. Tras esa etapa volveu á súa vila natal e xubilouse na Cosmos de Oural con 50 anos.

Preguntándolle por posibles vocacións confesa que sempre lle gustou a arquitectura pero esa ilusión quedoulle polo camiño. Aínda así, recoñece que nalgúns traballos estivo en contacto con temas de construción e que moitas decisións pasaban pola súa man. Velaquí algunhas pistas que nos levan á súa afección construtiva polas maquetas.

E como empezou esta afección? –preguntámoslle–. “Empecei uns 4 ou 5 anos despois de xubilarme”, di José Luis ao tempo que lembra o momento clave. Seica foi cando viu que un amigo del facía hórreos, cousiñas pequenas, e animouno dicíndolle aquel tópico de “isto faino calquera”. Dito e feito, púxose e sacou adiante dous ou tres hórreos que lle quedaron moi ben.

“Empecei uns 4 ou 5 anos despois de xubilarme”

O seguinte traballo foi xa un gran paso adiante, un novo reto. Púxose coa senlleira Igrexa de Santa Mariña de Sarria. José Luis confesa que lle deu moito traballo pero que é a súa favorita, “chamoulle a todo o mundo a atención, o que me animou a seguir”, refire con satisfacción.

Igrexa de Santa Mariña. Foto: J.L. Arias

Este artesán tamén nos explicou un pouco como é o proceso. O ideal é ter o plano para empezar, pero iso é case imposible na maioría de casos. Co cal ten que sacar moitas fotografías –unhas 40 ou 50 de cada monumento–, armarse de cinta métrica para facer medicións e incluso contar as pedras do edificio orixinal para poder ver a altura. Con toda esta información previa elabora os planos que toma como referencia. E todo isto para empezar, porque despois cómpre facerse co material para comezar a construción. Conseguir pedras, pizarras, madeira… e traballar eses materiais para darlle a forma e o tamaño necesario, así como unha aparencia de antigo que lle dea realidade e verosimilitude á recreación.

“O problema é conseguir as pedriñas tan pequenas”

Falando, por exemplo, do proceso de construción da Igrexa do Cebreiro, na que destaca a pedra e a pizarra, dinos José Luis que “o problema é conseguir as pedriñas tan pequenas”. Pero como el mesmo recoñece, para que o traballo sexa auténtico e fidedigno ”tiven que apañar diferentes pedras e ir sacando con moito coidado pedras pequeniñas”.

Igrexa do Cebreiro. Foto: J.L. Arias

Tamén nos resultou curioso saber que outra das súas obras, a reprodución a escala da Igrexa de Santiago de Barbadelo –a 5 quilómetros de Sarria e unha das máis antigas do Camiño de Santiago– pesa setenta quilos e que está feita con pedriñas de granito. Pedras que saíron en orixe de rachar un escano e cortalo despois a tiras nunha serraría de mármol. Iso si, a forma diminuta final foi un laborioso traballo de José Luis.

Igrexa de Santiago de Barbadelo. Foto: José Luis Arias

A ANTIGA FORTALEZA DE SARRIA

Este é outro dos traballos que atesoura Arias que chama moito atención. A miniatura representa o estado desta edificación no ano 1860 e no proceso contou coa importante axuda na documentación de Arlindo.

Ten unha dimensión de 1,60 por 1,20 e está feita en 8 pezas. O feito de conservar o torreón serviulle, dinos,  para “ter unha idea da altura e unha base que serve de referencia”, Despois, tirando de documentación con Arlindo foron sacando como eran as edificacións do interior, que tiñan corredores, tellados con tellas, etc.

No proceso contou coa importante axuda na documentación de Arlindo

Respecto a este emblemático monumento de Sarria, José Luis lembra que tivo como encargo do Concello de Sarria reproducir en madeira 25 torres da Fortaleza para as Xornadas Xurídicas. “Foron tres meses sen parar e dinme conta que facer estes traballos por obrigación non me vai… aínda que fixen cousas, agora non quero facer nada por encargo”.

A Fortaleza de Sarria. Foto: J. Luis Arias

ONDE SE PODE VISITAR O ARTISTA E COÑECER A SÚA OBRA?

José Luis Arias ten unha exposición nun baixo da Rúa Calvo Sotelo de Sarria, concretamente no número 57. É doado atopalo alí e moi habitual que teña peregrinos e peregrinas coñecendo a súa obra.

“Pasan moitos estranxeiros ver a exposición e os xaponeses son dos máis agradecidos, máis incluso que os de aquí”, dinos o autor destas pequenas obras de arte que sorprenden aos forasteiros.

Ademais de ter esta exposición alí onde garda todas as miniaturas, ten participado en exposicións en Sarria –en moitas ocasións na Feira de San Lázaro–, en Lugo e noutras localidades da contorna como Triacastela.

“A miña idea é, de Pedrafita a Santiago, facer unha miniatura de monumentos que vexan os peregrinos ao pasar”

Preguntámoslle polo futuro, se mantén a paixón por esta dedicación artística e se ten algún proxecto en mente. Dinos que perdeu algo a ilusión ao ver que non dispón de moito sitio onde meter as cousas. Aínda así, comprobamos que a cabeza non lle para. Xa pensa en facer o Convento de Sarria e gustaríalle como proxecto completar o máximo posible de construcións, non só igrexas, que estean no Camiño de Santiago. “A miña idea é, de Pedrafita a Santiago, facer unha miniatura de monumentos que vexan os peregrinos ao pasar”, concreta Arias.

Xa despedíndonos preguntámoslle se ten feito algo de Monforte e se por cartos se desfaría dalgunha peza. Respecto á primeira pregunta lembra ter feito por encargo unha Torre de Lemos en madeira pero figurando cantería. Seica está na consulta dun dentista da cidade do Cabe, non sabemos en cal. En relación á segunda cuestión di claramente que “non me desfaría de nada por moito que me deran. Quitar agora unha obra da miña colección faríalle perder o sentido”.

OUTRAS MINIATURAS

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...