HomeEn profundidadeFoi ao casting “por perder clase máis que nada” e acabou de...

Foi ao casting “por perder clase máis que nada” e acabou de protagonista en ‘Live is Life’

Coñecemos a David Rodríguez Fernández, un monfortino que lle dá vida a ‘Suso’, un dos cinco rapaces que protagonizan a última película do director Dani de la Torre. O filme está a piques de estrearse nos cinemas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

David é de Monforte, ten agora 17 anos e recoñece que antes de participar no filme non sabía que quería facer da súa vida. Foi despois de vivir a experiencia cando, en palabras súas, “descubrín que o cine gustábame moitísimo”. Agora semella que xa ten algo máis claro un horizonte profesional pero dime tamén que é consciente do difícil que é entrar neste mundo.

Amante das películas e das series, di que o seu xénero preferido é a ficción. Quédase con “El Señor de los Anillos” como película e con “Stranger Things” como serie. No que respecta á interpretación, David conta que nunca na vida fixo teatro e que a súa experiencia máis próxima a esta disciplina artística foi cando en 6º de Primaria fixo de John Travolta nunha representación de Grease na escola. “Quedara ben e gustoume”, di.

David Rodríguez no Parque dos Condes / XdL

COMO CHEGA A ‘LIVE IS LIFE’

David, como estudante do IES Río Cabe, enterouse dun casting para unha película que se facía no centro e apuntouse. “Fun por perder clase máis que nada”, recoñece con sinceridade adolescente. Esa proba pasouna e dixéronlle de facer outra, neste caso para realizar por vídeo chamada. Chamouno unha rapaza e tiñan que escenificar que ela era a súa nai e el o seu fillo. A situación que había que representar era ocultar que lle quedaran 7 materias para así poder ir a unha festa cos seus amigos e amigas. Pregúntolle se lembra como lle saíu e afirma o seguinte: “non me custou ter que ocultar e saíume espontáneo porque é o meu entorno, manéxome ben nestas cousas”.

Resumindo, que se lle deu moi ben facer de mentireiro aínda que el recoñece que é ‘máis pillo que mentireiro’. Se houbese que escoller unha palabra, ‘pillabán’ defíneo bastante ben.

“Non me custou ter que ocultar e saíume espontáneo porque é o meu entorno, manéxome ben nestas cousas”

Volvendo ao casting por vídeo chamada. Ao rematar a conexión telefónica dixéronlle que o fixera moi ben e que xa lle dirían algo. Ao pasar uns 5 días chamaron e nesta ocasión foi para citalo no Hotel Cardenal de Monforte, lugar de encontro xa coas directoras de casting, Eva e Yolanda. “Déronme un texto pola mañá para levar á casa e volver pola tarde con el aprendido”, conta David ao tempo que confesa que pasou un pouco do tema porque pensaba que non tiña moitas expectativas. Volvendo pola tarde para facer a proba coincidiu cun amigo del e resulta que era a outra persoa coa que tiña que escenificar o guión que lle deran. Aproveitando a ocasión fixeron un medio complot para non desvelar que se coñecían de cara a sorprender ás directoras de casting pola súa confianza e conexión. O caso é que o outro rapaz levaba o texto mallado e David non, tivo que ir inventando algo porque non o aprendera. Pero mirade como son as cousas que a el fixérono quedar un rato máis para traballar mellor o texto da man das directoras de casting. “Igual lles gustei e intentaron seguir levándome para ver se valía ou non”, intúe David.

A despedida foi como as anteriores, “xa te chamaremos”. E si, unha semana ou dúas despois chamárono para ir a Madrid. Era polo mes de xuño de 2020 e foi para a capital nunha furgoneta de produción coa súa nai e con outro rapaz de Vigo ao que acompañaba o seu pai.

Xa en Madrid, nun hotel tivo que traballar o papel con Eva e Yolanda e o último día tivo a ocasión de coñecer a Dani de la Torre que o viu actuar xunto con outra xente. “Xa vos chamaremos”, frase tópica coa que se despediron novamente. “Eu desta vez xa tiña o presentimento de que me ían coller”, sentencia David. E así foi, unha semana despois a chamada que recibiu foi xa para dicirlle que estaba dentro, que sería un dos protagonistas de “Live is Life”.

“Eu desta vez xa tiña o presentimento de que me ían coller”

Recibiu a noticia con gran ledicia e recoñece que lle encantou que os seus pais estiveran máis contentos incluso ca el, “encantoume que os meus pais estiveran orgullosos de min”, confesa David. E claro, había que ver tamén a reacción dos colegas, eses que lle dixeron no seu momento: “no te flipes”, “no te van a coger”… Despois de poñer a noticia no grupo seica lle dicían: “que cabrón”, “tienes una suerte que no te lo crees ni tu”, “vas a ser rico, tío”…

“Encantoume que os meus pais estiveran orgullosos de min”, confesa David

‘LIVE IS LIFE’, UNHA EXPERIENCIA ÚNICA

David Rodríguez, un rapaz que non coñecía a Dani de la Torre –monfortino coma el–, e que non tiña ningunha experiencia interpretativa, víase case sen esperalo dentro dunha gran produción cinematográfica.

Un soño inalcanzable para moitos, facíase realidade para el así como quen non quere a cousa. Antes de gravar xuntouse nunha casa rural de Santiago cos compañeiros de viaxe nesta aventura para aprender o guión e traballar nel. A experiencia foi moi boa e segundo sabemos tiña moito papel, algo normal tendo en conta que sería un dos protagonistas. Pero chegados a este punto, David dime que estaba máis motivado, “aquí xa había que tomalo en serio”, di con certa retranca.

David, ‘Suso’ en Live Is Life. Foto: David.

Pero chegados a este punto, David dime que estaba máis motivado, “aquí xa había que tomalo en serio”

No mes de agosto de 2020 comezaba a gravación da película. David encarnaba a Suso, un dos 5 rapaces protagonistas de ‘Live is Life’, e comezaba a saber realmente o que representan duras xornadas de rodaxe. “Esperábame moito menos traballo do que realmente foi. Cansa moito, sobre todo cando traballas das 19:00 ás 7 da mañá”.

Comenta tamén este monfortino que houbo moitas escenas de bici pero para el non foron un problema porque dende pequeno sabe o que é andar coa bicicleta pola aldea. “Aos de Madrid custoulle máis”, di.

Respecto ao trato co director, Dani de la Torre, di que foi xenial, moi próximo e que só o viu cabreado nunha ocasión na que non daban pé con bola nuns ensaios previos á gravación. Pregúntolle se lembra algún consello de Dani de la Torre e dime que había unha frase que lle dicía moito: “Quítale valor a las frases”.

Dani de la Torre cos 5 protagonistas. Foto: David

E AGORA QUE?

O traballo xa está feito e agora falta ver xa na pantalla grande a película, co cal David e os seus pais están tranquilos e sen ningunha présa no que respecta ao futuro profesional que ‘a priori’ se lle poda presentar.

David comenta que agora a idea é ir buscando cursos de interpretación e co tempo valorará cos seus pais se é o momento de ter algún representante.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...