Piensos Senra S.L. é un negocio familiar que existe en Monforte dende o ano 1946. Segundo conta María José Senra, fundouno o seu avó Avelino á volta do seu paso pola emigración en Cuba. Despois pasou aos seus pais, e hai uns 25 anos púxose ela ao fronte da empresa.
Cóntenos un pouco a historia deste establecemento. Se non erramos nado en 1946 co seu avó Avelino.
A historia do noso negocio é unha de tantas historias de emigración galega. O meu avó Avelino, que moitos recordarán, emigrou a Cuba e á volta estableceuse en Monforte onde empezou cun muíño de pedra dedicándose a moer os cereais dos veciños a cambio da maquía.
Logo colleu o relevo o meu pai que, a parte de moer, tamén vendía cereais de Castela e León, patacas para a semente e uvas, entre outros produtos para o campo. E cos anos tocoume a min coller o relevo e fun ampliando o número de produtos e o número de tendas.
En toda Galicia existen moitas tendas onde podemos mercar dende cousas para a horta, o xardín e as mascotas. Vós dentro desa oferta na comarca de Lemos en que vós tentades diferenciar?
Diferenciarse da competencia cada día é máis difícil, nós temos varias avantaxes dende o meu punto de vista: A cercanía no trato cos nosos clientes, moitos deles xa levan varias xeracións sendo clientes e xa son coma da casa. A antigüidade que levamos no mercado, polo que a experiencia á hora de comprar e escoller os mellores provedores coas mellores calidades é algo que xa vén de lonxe. A variedade de produtos de moita calidade e a prezos moi competitivos. A especialización de todos nós, xa que todos os que traballamos nesta empresas somos persoas formadas en todo o relacionado co campo e a horta, e en moitos casos vale máis a experiencia que o produto en si.
Mesmo a maiores facemos reparto a diario a domicilio, polo que o servizo ao cliente intentamos que sexa o máis rápido posible.
Sabemos que a día de hoxe contades con 4 tendas: en Monforte de Lemos, Castro de Ferreira, Escairón e Sober. Que vos levou a abrir establecementos nestes núcleos?
Os núcleos das aldeas cada vez teñen xente máis maior e que lle custa moito desprazarse ata Monforte a comprar, esa é a primeira razón pola que empezamos esta andaina de abrir tendas nas aldeas.