A asociación Huellas de Sarria nace no ano 2016 grazas á iniciativa de tres rapazas que a día de hoxe seguen levando o peso organizativo e de xestión da entidade: Mónica García, Leticia Ventosinos e Teresa Capellá.
Apuntan carencias na atención protectora aos animais a nivel municipal e denuncian incumprimentos por parte da Deputación de Lugo, co cal o seu labor semella moi importante e necesario dende que ofrecen os seus servizos.
Para coñecer máis detalles do seu traballo, entrevistamos a estas rapazas que nos contestan como directiva, e non a título persoal.
Cando e por que nace Huellas de Sarria?
Huellas de Sarria nace como asociación legalmente constituída en novembro de 2016, aínda que levamos traballando como grupo de defensa e axudando na xestión dos animais de Sarria desde abril dese mesmo ano. Xuntámonos varias persoas que case non nos coñeciamos por un fin común e traballamos duramente eses primeiros meses para formar a asociación. A día de hoxe podemos dicir que, malia todo, seguimos en pe e moitos dos que empezamos seguimos, e máis amigos que nunca.
Que tipo de accións levades a cabo no voso día a día?
Nun día normal atendemos aos nosos cans no pequeno refuxio que temos. Atendemos tamén as redes sociais, contestamos correos electrónicos, falamos con outras protectoras ou asociacións para traballos e accións comúns, collemos o teléfono para atender dúbidas ou cuestións relativas a como proceder diante da perda dun animal ou que facer cando se atopa algún. Tamén organizamos actividades, un mercadiño solidario, preparamos material para difundir o noso labor, falamos con casas de acollida ou con familias para ver que tal lles vai cos nosos antigos residentes… E tamén nos encargamos da parte administrativa: seguros, contas, etc.
Non había ou non hai canceira municipal que cubra este tipo de necesidades?
Nin había, nin hai, nin se lle espera. Cando nós empezamos, o Concello de Sarria rompera o convenio coa Protectora de Lugo que era a que se facía cargo dos animais que aparecían neste municipio. A razón foi que o prezo subía e “para dous cans que aparecen ao ano, non é necesario este servizo” –din con sorna–. Uns meses despois apareceran aproximadamente 10 animais. E cando acabou o ano 2016 xa con nós axudando nos coidados e xestión, apareceran 100 cans e gatos. Case nada…
“Cando nós empezamos, o Concello de Sarria rompera o convenio coa Protectora de Lugo que era a que se facía cargo dos animais que aparecían neste municipio”
A corporación municipal habilitou un espazo para telos, que non foi axeitado pola súa ubicación, o que provocou problemas coa veciñanza, insultos e “malos rollos” entre la poboación e nós. Obviamente que fomos froito dos “dimes e diretes” de veciños e políticos.
A Deputación nese tempo prometeu un diñeiro para a construción dun recinto axeitado para a recollida e xestión dos animais perdidos para Sarria e a súa comarca. Pero a localización escollida polo concello non foi aceptada por outros grupos políticos e veciños/as co cal vimos como o noso traballo de anos marchaba pola… Sarria e a súa comarca quedou sen a devandita instalación. A Deputación volveu prometer ese diñeiro, que sería investido nunha nova macroinstalación en Monforte para facer fronte ás necesidades de 21 concellos. A día de hoxe, 3 anos despois, nin a hai, nin hai proxecto, nin se lle espera…
Cal é logo a realidade actual?
A realidade é que agora Sarria recolle, cando quere, aos animais que aparecen. Tenos uns días baixo a súa tutela e, posteriormente, se non son reclamados, trasládanse a unha empresa en Outeiro de Rei que se encarga da súa xestión en base a un convenio asinado con eles. No tema dos gatos non hai ningún tipo de servizo, nin sequera recollen os avisos na maioría das ocasións.
Tamén recolledes gatos, logo?
Os nosos animais son maioritariamente cans porque o seu número sempre é maior e porque o noso refuxio está só preparado para ter cans. Pero si, axudamos a gatos sempre que podemos. Actualmente temos varios en casas de acollida, xa que o refuxio como dicimos non está acondicionado para eles. Só nos facemos cargo dalgún se temos oco nalgunha casa de acollida.
Tamén comezamos un proxecto CES –Capturar, Esterilizar e Soltar– en Sarria que aínda que é competencia municipal, ante a súa inactividade e a proliferación de gatos nas rúas con camadas non desexadas e animais enfermos, decidimos aforrar e comezar pouco a pouco coa súa esterilización. Para esta acción estamos tendo moitísima axuda por parte de veciños e veciñas que se están implicando na acción.
Sodes asociación ou simplemente unha plataforma ou grupo de acción?
Somos unha asociación legalmente constituída, con CIF, e está inscrita nos rexistros oportunos de asociacións de Galicia e Lugo, como protectora de animais. Todo isto dende 2016, co que este ano cumpriremos 5 anos de actividade.
En calquera caso, queremos aclarar que nós non recollemos animais na rúa. O que facemos é colaborar con outras asociacións ou protectoras. Se necesitan sitio para algún animal sacamos animais de canceiras públicas nas que non están ben, aceptamos animais de particulares que xa non poden telos –en casos moi puntuais e con razóns de peso–. E sempre o facemos respectando o número máximo de animais dos que podemos facernos cargo. Nunca máis. Se un animal atopa un fogar deixa o seu oco a outro, non queremos ter moitos nin pasarnos en número de xeito que nos faga comprometer a estabilidade e o benestar dos nosos animais. Así podemos cubrir todas as necesidades dun xeito máis adecuado, sobre todo cando teñen problemas de socialización ou de comportamento, cunha axuda máis personalizada que lles permita ser cans felices.
“Nós non recollemos animais na rúa. O que facemos é colaborar con outras asociacións ou protectoras”
Contades con local e instalacións para acoller os animais?
Temos unha finca na que viven algúns dos nosos animais, outros en casas de acollida como vos comentamos. Nela poden estar soltos a maior parte do día, con instalacións para poder descansar e á que imos polo menos dúas veces ao día, de luns a domingo.
Como vos financiades para poder levar a cabo as vosas accións?
Financiámonos grazas ás actividades que realizamos: merchandaising, lotería de Nadal, sorteos de agasallos, mercadiños solidarios; e tamén grazas a achegas económicas: donativos, cotas de socias/os e de madriñas/padriños. Grazas a unha boa xestión dos recursos e actuando con cabeza, algo que levamos facendo dende o principio, estanos funcionando moi ben ata o momento.
Credes que a sensibilización polos animais vai a máis ou aínda hai moito que avanzar?
Desde que comezamos ata agora, ou desde que levamos neste mundiño, algunhas de nós vemos que cambiaron moitas cousas. Foi avanzando a empatía e o respecto cara os animais, mais aínda estamos moi lonxe do que debería de ser.
“Temos esperanzas de que coas novas xeracións a vida de moitos animais sexa mellor”
Vemos tamén que o traballado neste concello estes anos serviu para que a xente se preocupe cando ve un animal na rúa, xa sexa perdido ou abandonado. Que saben o que hai que facer. Tamén vimos que as autoridades non se implicaron o que deberían, para eles segue sendo un tema menos, que non merece a mesma consideración que outros. Nese senso si que nos vemos frustradas, pero non quita que sigamos querendo mellorar as cousas.
Temos esperanzas de que coas novas xeracións a vida de moitos animais sexa mellor, que haxa máis respecto por eles e que a educación en materia de benestar e empatía polos animais sexa algo habitual.