InicioEn profundidade‘Os Parentes’ en dúas palabras: “amizade e diversión”

‘Os Parentes’ en dúas palabras: “amizade e diversión”

Falamos con este grupo de música de Sober, unha formación consolidada xa co seu particular estilo na provincia de Lugo e abrindo fronteiras no resto de Galicia. O sábado 6 de novembro actúan en Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

O xermolo do que é hoxe o grupo Os Parentes podemos atopalo nas actuacións de Óscar e Alfonso, un dueto conformado no seu día “en plan carallada”, como nos confesa Alfonso. Actuaban como dueto, e xente coñecida chamábaos para dalo todo en locais, eventos, vodas… E seica foi nunha actuación no ‘Bar Rabeno’ de Monforte onde os bautizaron como ‘Os Parentes’ –que realmente o son–.

Óscar e Alfonso na Casa da Cultura de Sober. Foto: Os Parentes.

Foi en maio do 2013 cando se conformou o grupo como o coñecemos agora, e todo a raíz dun chamamento do Concello da Pobra do Brollón para actuar na ‘Feira do Viño de Vilachá’. Nesta, que se considera a primeira actuación, a formación estivo integrada por 5 músicos: Ángeles (teclado), Héctor (guitarra e voz), Paco, ‘o Fran de Míllara’ (percusionista), Óscar (voz),  e Alfonso (clarinete, guitarra e voz).

A formación actual componse de sete músicos coa entrada de Daniel Costa (baixo e bombardino) e Miguel, (técnico de son, harmónica e guitarra).

Os parentes é un grupo xa consolidado na contorna da Ribeira Sacra e na provincia de Lugo, pero xa reclamado noutros lares a nivel de Galicia, tendo actuado, segundo nos contan, en lugares como A Toxa, O Porriño ou Ourense. Suman xa 171 actuacións, segundo as contas de Ángeles, e como lle pasou a todos os grupos musicais estes anos tiveron un parón obrigado pola pandemia.

Teñen un estilo moi característico versionando e compoñendo temas con marcado carácter rural, e sempre cun toque de retranca e humor que fai moi divertidos os seus concertos. Fan versións doutras e doutros autores pero teñen tamén un amplo repertorio propio. O estilo, dende o rock ao blues, xa o encaixan eles segundo mellor lle cadre aos temas, e as letras sempre en galego. “Temos unha sorte grande de contar con grandes músicos no grupo como, por exemplo, Daniel Costa e Ángeles”, dinos Alfonso.

Fan versións doutras e doutros autores pero teñen tamén un amplo repertorio propio.

Cómpre dicir tamén que outro dos privilexios cos que contan Os Parentes é ter a uns letristas excepcionais como colaboradores. Un deles é o poeta soberino Ramón Sandoval, e outro, Carlos Rafael –coñecido entre outras cousas, por ser o autor da letra do coñecido tema ‘Likor café’–.

Falando xa de como lles está indo este 2021, ano no que estamos empezando a ver a luz ao final do túnel, confésannos que notaron melloría, que empezan a chamar e que “a xente ten moitas ganas de festa, de distenderse”. Este mes de agosto viron que era o momento de volver aos escenarios, por unha banda pola melloría na situación pandémica, e por outro entendendo que tiñan ensaiado o repertorio. Deste xeito actuaron xa en vilas como Abadín, Sarria ou A Pobra do Brollón.

Os Parentes no festival ‘As cores do outono’ (2021). Foto: Concello A Pobra do Brollón.

Preguntámoslles tamén a esta xente como definirían a filosofía dos Parentes e resúmena en dúas palabras, un auténtico lema: “Amizade e diversión”. E nótase ‘de carallo’ –permítannos a expresión– que este grupo de persoas se leva moi ben e que actúan para divertirse, o que leva sempre a contaxiar a diversión ao público. Ademais do carácter rural e popular dos seus temas,  destaca a retranca e o humor, que aínda que algunhas letras toquen temas serios e profundos, “pódense tratar tamén con humor”, di Alfonso.  Citando algúns dos seus temas xa podemos imaxinar por onde van os tiros: “Rock da arrinca do esterco”, “Labores cotiás”, “Fincas en propiedade”, “A cantina do Regalado”, ou “Balada triste do labrador (en Sober)”.

ACTUACIÓN NO BAR DO CLUB FLUVIAL

Este sábado 6 de novembro Os Parentes actúan no Bar Club Fluvial. E fano seguindo a programación que ten en mente a nova xerencia deste establecemento monfortino: organizar ceas-concerto nas fins de semana.

Para esta actuación comentan que levarán cousas novas, temas propios novos, como por exemplo “tan distintos”, un tema sacado dun poemario de Sandoval.

O seu obxectivo, como din eles, é xuntarse para pasar un rato xuntos, que a xente disfrute e se implique e participe no concerto. “Como sempre, deixaremos un oco para que a xente cante con nós… a idea é que haxa, como se di agora, bo rollo”, trasladan dende o grupo.

O seu obxectivo, como din eles, é xuntarse para pasar un rato xuntos, que a xente disfrute e se implique e participe no concerto.

RESERVAS PARA A ACTUACIÓN

A xerencia do Bar Club Fluvial aconsella reservar no teléfono 604 080 686 para ter sitio na cea concerto do sábado. A cea empezará as 21:00 h. e o concerto ás 23:00 h.

O menú, a un prezo de 20 euros, estará composto por langostinos, zamburiñas, carne ao caldeiro, sobremesas caseiras con pan e viño incluídos.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...