O Concello de Bóveda aposta polo turismo e a creación de empresas aproveitando a súa posición estratéxica na sur da provincia. O alcalde, José Manuel Arias, quere seguir impulsando o Polígono Industrial e instalar nel un viveiro de empresas. A nivel turístico o concello rehabilitou o Muíño dos Fernández, está acondicionando unha ruta de sendeirismo e vén de inaugurar o miradoiro do Alto do Coto na Serra de Penas. Falamos co rexedor, José Manuel Arias.
Para cando o viveiro de empresas de Bóveda?
O ano pasado tiñamos a subvención para facelo, pero por desaxustes de prazos non puidemos acceder ás parcelas que xestiona Xestur. Agora o concello xa mercou as parcelas e imos ir a unha nova convocatoria con ese proxecto esperando ser beneficiarios da subvención. Trátase de dúas parcelas de solo industrial de máis de 700 m2 con moi bo acceso diante do centro sociocultural.
A proximidade a comunicación son claves para este bo ambiente de traballo en Bóveda
De cantas parcelas dispón o Polígono Industrial? Hai empresas interesadas nelas?
Xestur ten dúas parcelas de solo dotacional e dúas parcelas de solo industrial. A maiores quedan 4 ou 5 parcelas máis dun propietario que ía facer unha empresa de aluminio e foi vendendo pouco a pouco, Gutrei Galicia comproulle dúas parcelas, Moncarnes outras dúas ou Meles Anta.
Agora mesmo hai unha empresa interesada en adquirir un par de parcelas das dotacionais e hai dúas ou tres a punto de asentarse en naves que xa había no polígono. Son empresas que veñen de Sarria, unha inicia actividade e outra é unha empresa potente instalada en Sarria que por falta de solo se vén para Bóveda.
No concello estase respirando un bo ambiente de traballo, os restaurantes están a tope, os hoteis tamén coas obras de Adif. Temos tres empresas asentadas en Bóveda, tres utes, a dúas deixámoslles inmobles para ubicarse co correspondente alugueiro, xeramos movemento na vila, son empresas fortes cun bo número de traballadores, a outra está nun edificio privado. Hai movemento agora mesmo.
Unha quincena de empresas no Polígono que xunto coa residencia xeneran máis ou menos ao redor de 200 traballadores. Isto foi pasando nos últimos anos no Polígono de Bóveda?
Pasou nos últimos anos creo que por dúas razóns, o concello abarata os prezos das parcelas poñendo cartos de plans cos que podería ter feito outra obra municipal, urbanizamos ese polígono industrial con cartos municipais e a Xunta abaratou o solo ao 50%. Iso foi un antes e un despois. E por outro lado a proximidade e as comunicacións foron claves, desde que o corredor Lugo Sarria se comezou a abrir a xente viu conexión co norte da provincia, coa zona do Barco, Ponferrada e conexión con Ourense ou ben con Santiago. Entón é unha ubicación perfecta para empresas grandes como son Meles Anta, que con todo o movemento que ten foi das primeiras en asentarse aí e todas as demais viñeron detrás.
Temos moitas esperanzas no Viveiro do Trollos cunha idea relacionada coa Reserva da Biosfera
O obradoiro de emprego de Bóveda limpa e poda zonas verdes, entre tanto o concello promove outras iniciativas para potenciar natureza e turismo, cales?
Temos 5 ou 6 hectáreas de zonas verdes que o obradoiro de emprego está podando e adecentando. Estamos traballando nunha ruta de sendeirismo de ida e volta a Remesar con axuda do Leader. Rematamos a obra do Muíño dos Fernández e a pasarela sobre o río Mao e un pequeno sendeiro que vai ata o barrio do Souto co Pazo de Bóveda. Vimos de inaugurar o Miradoiro do Alto do Coto e temos moitas esperanzas no Viveiro dos Trollos cunha idea relacionada coa Reserva da Biosfera que espero entregar a quen corresponda.
Ese maior que tanto fixo por nós e que agora lle paguemos con esa moeda non é xusto
O concello de Bóveda conta cunha única entidade bancaria de Abanca que agora promete non pechar oficinas en concellos onde é a única entidade en activo. Un alivio?
Aquí a verdade é que non foi grato ver aos veciños de Bóveda fóra pola pandemia e pasando frío e esperando que lle abran a oficina con pouco persoal. Temos un caixeiro, pero é unha pena que no rural nos teñan así cando a xente estaba acostumada a ir de luns a venres á oficina. Outros bancos pechan e parece que non pasou nada pero nesta cultura galega parece que Abanca é mais nosa e non podes deixar a un concello sen ela, cando é o que queda. Quixeime, sigo queixándome en todos os lados, pero non deixa de ser unha empresa privada. As novas xeracións manéxanse co móbil e desde o móbil pódese facer calquera cousa, pero moita xente maior non pode facer unha operación desde o móbil cando lles custa devolver unha chamada. Ese maior que tanto fixo por nós e está aí loitando e que agora mesmo lles paguemos con esta moeda non é xusto.
Pinta moi mal todo para a xente maior, cara onde imos todos.
Servizos sociais en Bóveda lévase ao redor do 33% do orzamento porque pensamos que axuda no fogar é un dos servizos fundamentais e básicos que se dá nun concello. Sendo unha perso maior máis ou menos autónoma, nós temos que axudarlle a que viva na súa casa e que disfrute. Moita xente vaise coa familia para a cidade, pero queren volver porque non se afán e hai que botarlles unha man, axudalos a asear, interesarse por eles,… non facelo sería meter a pata ata o fondo, como co tema dos bancos.
Creo que se move todo isto pola Ribeira Sacra e as boas comunicacións
1473 habitantes ten o concello de Bóveda que últimamente suma novos veciños?
Aquí non se vía moita xente de fóra e nos últimos meses chegaron dúas familias alemanas que mercaron casa en Bóveda e hai cada vez máis xente estranxeira interesada. Eu creo que se move todo isto por Ribeira Sacra e polas boas comunicacións, temos case un 70% do concello con fibra óptica, neste ano remataranse moitos núcleos de poboación que quedan. Esas cousas axudan.
E en Bóveda cóntase cun vehículo eléctrico?
Creo que foi dos primeiros, foi cunha axuda da xunta de Galicia do fondo de compensación ambiental. Tiñamos que renovar a flota de coches e vimos a oportunidade dun coche eléctrico, facíanos falta un vehículo para o servizo de mantemento, principalmente de abastecemento de augas. Como desde o centro do concello son 8 km para un lado e para outro, a autonomía de 130 km dáche para o día e enriba aforras ao prezo que está o combustible. Comprado este furgón eléctrico co que estamos encantados, recárgalo pola noite e dá para todo o día… igual para vehículos máis grandes é máis complicado.
O concello de Bóveda espera facer este ano cousas que ata agora non se puideron facer pola pandemia?
Esperemos que si, algunas cousas máis imos facendo con precaución porque isto dispárase en calquera momento. Por exemplo, en Bóveda o entroido celebrabámolo nun espazo pechado e así cremos que é convinte non facelo. Veremos se o facemos online como o ano pasado. Estamos facendo obradoiros na casa da cultura, pero os que levabamos ás parroquias como ximnasia de mantemento ou obradoiro de memoria estamos sen facelo. Coa feira Outrora imos ser cautos, parece que isto está para acabarse pero non se acabou, todos temos maiores nas nosas casas.
Cal foi o peor momento do concello de Bóveda durante esta pandemia?
Ao principio, sen lugar a dúbidas, cando vías o que estaba acontecendo nas grandes cidades e que iso viña para aquí e ti dis, se aquí somos un montón de xente maior, que facemos con eles, como protexemos a toda esta xente. Era de loucura, eu ía marcando con alfileres nun mapa por onde acataba o coronavirus. Tamén cando entrou na residencia de discapacidados, xente con moitas patoloxías, foi complicado, pero hai que dicir que a día de hoxe en Bóveda por Covid, que saibamos, non morreu ninguén.
Que quere deixar o alcalde feito neste mandato?
Temos en mente moitas cousas, non últimos meses estamos desenvolvendo moito traballo. Do principal, sacar máis solo industrial, temos a zona marcada, temos remanentes para iso e concentraremonos niso principalmente. Temos outros dous proxectos importantes que non dependen de nós, este si porque queremos mercar desde o concello o solo para abaratar o prezo do m2.