HomeEn profundidadeXosé P. Mondelo, recuperador do patrimonio humano e artístico da comarca de...

Xosé P. Mondelo, recuperador do patrimonio humano e artístico da comarca de Quiroga

Este activista cultural, orixinario de Sequeiros, no Concello de Quiroga, publica con certa periodicidade no blog ‘En busca da cagalla do lagarto’. As súas achegas recollen retratos literarios de figuras que conforman un importante patrimonio cultural e artístico da comarca quiroguesa.

Publicado o

- Advertisement -

A curiosidade por coñecer quen facía posible un interesante blog cultural, “En busca da cagalla do lagarto” ( wwww.papelmarelo.blogspot.com ), levounos ata Xosé Pérez Mondelo, un exprofesor de literatura orixinario da aldea de Sequeiros, no Concello de Quiroga.

O autor do blog é Roque Soto, un xornalista tamén de Sequeiros que vive en Vigo. Entre el e Xosé P. Mondelo nutren de contidos esta páxina web “de cultura galega e universal”, tal como a define Mondelo, podendo dicir tamén deste espazo divulgativo que ten dúas dimensións: unha local e outra universal.  Na local, os contidos e persoeiros contextualízanse na comarca de Quiroga e contorna de influencia, e na universal a temática céntrase na música, poesía e fotografía pero sen límites nin marcos espaciais. Todos os contidos, iso si, están redactados na lingua de Rosalía.

Segundo sabemos tamén, Xosé P. Mondelo empezou a colaborar porque o propio Roque pediulle incluír artigos dos que tiña publicados no xornal A Nosa Terra. Accedeu á proposta e dende hai sete anos mándalle colaboracións sobre figuras senlleiras do patrimonio humano e artístico, xa sexan de épocas pretéritas como de tempos máis achegados á actualidade.

Grazas a el puidemos acceder a retratos biográfico-artísticos de figuras que deixaron unha importante pegada na comarca no eido musical. A título individual, por exemplo, podemos salientar os do Penelo –o gaiteiro do tren–, o de Felisa Vidal Nogueira –a gaiteira de Bendilló–, o das Gaiteiras de Ferreiros na Pobra do Brollón, O Pata de Pau, O Terratrás de Torbeo ou o fotógrafo Antonio Vidal. A nivel colectivo cómpre citar, entre outros, Os Padernes, Os Trintas de Trives ou Os Celtas de Paradaseca. Moitas destas semblanzas atópanse no blog de Roque Soto.

Felisa Vidal Nogueira –a gaiteira de Bendilló–

No que respecta a achegas de artistas máis contemporáneos atopamos, por exemplo, artigos dedicados a grupos como Los Truenos, Brigancia ou a Banda Folk de Ribas de Sil e a músicos como Xosé Luis López Blanco, coñecido como “Torres”, Xavier Sotuela, os irmáns Víctor e Samuel Soto ou Fernando Estévez; pero tamén hai lembranzas para artistas polifacéticos como Manuel Corral Vide, o cronista Xoán Rolo, o deportista Bernandino Lombao, o fotógrafo Emilio Blanco ou o escritor orixinario de Peites José Mondelo.

“Torres”, batería de grupos como Los Truenos, La Orquesta Mondragón ou Duncan Dhu. Foto: X.P. Mondelo

A motivación principal de Xosé P. Mondelo en todo este traballo de investigación é “recuperar o patrimonio humano e artístico da Comarca de Quiroga”. Ou como tamén refire, “crear un espazo cultural dentro do espazo xeográfico, descubrir o patrimonio oculto”. E con este obxectivo empezou hai xa bastantes anos a recuperar para a memoria músicos e músicas populares da redonda Quiroguesa. Cóntanos, por exemplo, que correndo o ano 2001 escoitou falar dos Celtas de Paradaseca e de Carlos, o seu clarinetista, nunha comida nas Festas do San Bartolomé, e faltoulle tempo para achegarse a Paradaseca e coñecer a súa historia. Anos despois, no 2004, encetou unha sección no xornal A Nosa Terra. O seu título era “Músicas populares de Quiroga”.

Unha das súas publicacións no xornal A Nosa Terra

“Cada aldea tiña un conservatorio” dinos fascinado Mondelo ao falar das súas visitas, entrevistas e investigacións nas que descubría que nos anos 20-30 había unha educación musical comunal e que a música pasaba de xeración a xeración.

E tendo en conta esta transmisión artística, Mondelo entende e sente curiosidade polas sagas convencido de que aquela música sería o enlace coa música moderna, a que chegou despois con grupos como Los Truenos, e anos máis tarde Brigancia e a Banda Folk de Ribas de Sil. “A música era un oficio máis, pero tamén afán de superación, competitividade… paixón e subsistencia”, sentencia.

O patrimonio musical é un dos temas que traballa pero non é o único. Tamén recupera vidas e historias de fotógrafos, pintores e escritores/as. Neste último eido refírese na nosa conversa a Quiroga como ‘vila literaria’ salientando, por exemplo, a Ánxel Fole, Guerra Dacal, Xoan Rolo, Uxío Novoneyra, Xosé Estévez ou Celia Núñez.

En definitiva, Xosé Pérez Mondelo busca no seu traballo recuperar a memoria histórica, humana e artística, da Comarca de Quiroga e contorna, chegando nas súas investigacións a terras da Pobra do Brollón, Caldelas ou Trives. O sentido dos seus retratos literarios ou semblanzas está “en rescatar do esquecemento a herdanza do pobo, mantela viva e facer un agradecemento aos nosos devanceiros dándolle tamén unha proxección de futuro coas novas xeracións”.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...