InicioEn profundidadeGuido Guía, o “turismólogo” que ensinará ‘o típico’, o ‘non típico’, e...

Guido Guía, o “turismólogo” que ensinará ‘o típico’, o ‘non típico’, e outras curiosidades de Sarria

O coñecido guía turístico lucense, con ampla formación e experiencia no sector, será o responsable e cara visible dunha iniciativa do Concello de Sarria que consiste nun ciclo de paseos guiados para coñecer máis e mellor a vila. Falamos con el.

Publicado o

- Advertisement -

“Descubrindo Sarria con Guido Guía” é unha iniciativa que vén de presentar o Concello de Sarria para coñecer baixo unha ollada diferente o concello con paseos guiados de balde que terán lugar entre o 5 de xuño e o 4 de setembro. Concretamente, as datas nas que se poderá gozar destas visitas son o 5 de xuño, o 3 de xullo, o 7 de agosto e o 4 de setembro.

A premisa de Guido Álvarez Parga, coñecido como ‘Guido Guía’ e responsable destes paseos guiados, é clara: “ensinar moitas cousas ‘típicas’ pero tamén outras moitas ‘non típicas’ que podan sorprender incluso aos sarriaos”. Pero ademais desvélanos un valor engadido para as súas intervencións: “máis alá das fontes máis oficiais, gústame sempre contar tamén con datos e curiosidades que me transmiten os veciños das zonas… e por sorte, en Sarria, teño bos amigos”.

Coñecemos polo miúdo a este lucense viaxeiro, namorado da súa terra e guía profesional que nos lembra tamén os bos recordos e agarimo que garda de Sarria.

Quen é Guido Guía?

Profesionalmente a palabra que mellor me define é turismólogo, un termo máis coñecido noutros países, pero que cada vez se está expandindo máis tamén aquí. Son turismólogo porque levo xa 18 anos estudando e investigando en materia turística dende o ámbito universitario e académico (carreira na UDC, posgrao na USC, 3 anos de investigación no CETUR, máster internacional en varias universidades europeas) e porque sigo facéndoo actualmente… entre outras cousas como profesor-titor do Grao de Turismo na UNED

“A palabra que mellor me define é turismólogo, un termo máis coñecido noutros países”

Á parte diso, levo 7 anos sendo guía oficial de Turismo de Galicia, e 3 como autónomo co meu propio proxecto, que leva ese nome: Guido Guía. Foi unha boa decisión, xa que xuntar o meu nome coa miña actividade profesional principal axudou moito a que a xente me coñeza máis, e coñeza ao que me dedico. No persoal? Un lucense de 36 anos moi viaxeiro e namorado da súa terra.

Cóntanos algunhas das túas iniciativas de éxito como guía, en xeral, e na cidade de Lugo en particular.

Volvín a Lugo dende o estranxeiro hai 7 anos. Xusto o momento no que me acreditei como guía oficial en 5 idiomas (inglés, francés, italiano, castelán e galego). Os primeiros 4 anos traballei para 2 axencias de viaxes e para unha empresa de actividades turísticas… foi nese tempo cando a xente de Lugo comezou a coñecerme profesionalmente polas viaxes, excursións e actividades que organizaba. Con xente de Lugo e da provincia viaxamos moito pola nosa terra, e tamén fóra (Bretaña Francesa, Lisboa, Oporto, Asturias, León…). Neses anos comezaron a coñecerse os meus paseos guiados, e tamén foi dunha gran axuda un proxecto que fixen co músico e agora tamén amigo Carlos Núñez. Fun de xira a Francia con el e coa súa banda para promover unhas viaxes que organizamos dende unha das axencias de viaxes nas que traballei.

Guido nunha das súas intervencións. Foto: G. A.

No 2019 foi cando decidín facerme autónomo e crear o meu propio proxecto, e nese momento foi cando comecei a desenvolver iniciativas propias que están tendo moito éxito: a serie #OLugoMenosCoñecido amorea moitas desas ideas xa que son de momento 31 capítulos de paseos diferentes e alternativos pola cidade, nos que destacan especialmente os meus paseos guiados polo barrio do Carme e pola arte urbana lucense. Creo que son dúas das temáticas polas que máis xente me coñece, e que máis desfrutan os participantes. Outro dos grandes proxectos que fixen é  #RedescubrindoLugo, unha serie de xornadas viaxeiras por distintos concellos da provincia que me axudou moito a darme a coñecer fóra da capital.

“No 2019 foi cando decidín facerme autónomo e crear o meu propio proxecto, e nese momento foi cando comecei a desenvolver iniciativas propias que están tendo moito éxito”

A parte diso, dende hai 2 anos as administracións comezaron a contar bastante comigo e estou moi agradecido: concellos, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia… chámanme con bastante frecuencia para propoñerme proxectos e é un moi bo modo de complementar a miña actividade profesional. Estou moi agradecido.

Este verán podemos atoparte en Sarria coa iniciativa ‘Descubrindo Sarria’. Como xurdiu esta oportunidade?

Pois xustamente na liña que estaba contando. Por sorte, de momento nunca tiven que ir chamar á porta de ningunha administración con proxectos, as propostas sempre viñeron do outro lado e neste caso foi por parte do Concello de Sarria. Penso que observaron o meu traballo destes anos e interesáronse en que puidese achegar o meu traballo ao municipio. E eu moi feliz, porque entre outras cousas é un lugar ao que lle teño moito agarimo… especialmente polo baloncesto. Sarria é un berce baloncestístico, xoguei moitas veces na vila, asistín a moitos 3×3 que organiza o C.B. Sarria dun xeito impecable… así que para min vai ser en certo modo devolver ese afecto que sempre recibín por terras sarriás.

Podes avanzarnos a túa ‘folla de ruta’ para os paseos guiados pola vila?

Quen me coñece sabe que non son amigo de adiantar moito os detalles das miñas actividades. Gústame moito o factor sorpresa… creo que é unha parte importante da experiencia nas miñas actividades. En todo caso podo dicir que vou mesturar temas dun xeito parecido a como o fago en Lugo e noutros lugares: historia, natureza, arte urbana, etnografía, curiosidades varias… E cunha premisa clara: ensinar moitas cousas “típicas” pero tamén outras moitas “non típicas” que podan sorprender incluso aos sarriaos. Adiántovos un segredo: máis alá das fontes máis oficiais, gústame sempre contar tamén con datos e curiosidades que me transmiten os veciños das zonas… e por sorte, en Sarria, teño bos amigos.

Guido Guía conta cunha premisa clara: ensinar moitas cousas “típicas” pero tamén outras moitas “non típicas” que podan sorprender incluso aos sarriaos

E paradas de interese imprescindibles que se coñecerán nos roteiros?

Xa vistes a imaxe que utilizamos para o cartel… o mural de Xela Arias é un lugar predilecto para min. A contorna do río Sarria, recursos da ruta das Aceas, Barbadelo –a Cremona lucense– e a súa concentración histórica de luthiers… Hai lugares “preferidos” que non quero que falten. Pero como dixen na anterior pregunta, non quero adiantar as sorpresas…

Mural de Xela Arias. Foto: Concello de Sarria

Que días serán e como pode apuntarse a xente interesada?

O 5 de xullo, o 3 de xullo, o 7 de agosto e o 4 de setembro. Chega con escribirme por correo electrónico a guidoguiaturismo@gmail.com

Nestes casos, adoitamos pensar que estas iniciativas están pensadas para visitantes e/ou turistas pero seguro que resultan de grande interese para as propias veciñas e veciños. Convéncenos diso.

Os que mellor poderían convencervos son as persoas que veñen ás miñas actividades. Son moi afortunado, hai un ambiente fabuloso. É a miña gran sorte, contar cunha comunidade moi ampla e interesante de xente que vén aos paseos e viaxes… Son eles a clave de todo o que me está pasando como guía, xa que á parte das miñas explicacións e decisións como guía, esta xente que vén ás miñas actividades enriquece enormemente as miñas visitas. Por poñerche un exemplo, xa están anotadas en varios dos paseos dúas amigas que foron profes en Sarria… elas, e moitas outras persoas, van aportar seguro curiosidades que sempre favorecen no intercambio cultural e de experiencias. Eu aprendo grazas ás persoas que veñen ás rutas, e iso é unha gran fortuna… Todos imos aprender de todos, como pasa sempre.

“Á parte das miñas explicacións e decisións como guía, a xente que vén ás miñas actividades enriquece enormemente as miñas visitas”

Para rematar, periga o traballo de guías coma ti con innovacións tecnolóxicas que facilitan a localización e a información sobre lugares emblemáticos, patrimonio histórico, artístico e cultural nas nosas vilas?

Eu creo que non. As innovacións tecnolóxicas aportan o que aportan, pero a experiencia humana é algo insustituible… de feito eu creo que o auxe das actividades como as miñas son un perfecto reflexo da necesidade que ten a xente de desconectar das tecnoloxías e conectarse de verdade, non virtualmente, cos demais. 

“Creo que o auxe das actividades como as miñas son un perfecto reflexo da necesidade que ten a xente de desconectar das tecnoloxías e conectarse de verdade, non virtualmente, cos demais”

ÚLTIMAS

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...

“A nai que me pariu!” campaña do CCU de Sarria polo Día da Nai

¡A nai que me pariu! é o nome da campaña do Centro Comercial Urbano de...

24 anos da Mostra do Aceite de Quiroga

Esta feira gastronómica, a única da provincia nesta categoría contou esta fin de semana...