Xerardo Rodríguez Arias, controlador aéreo xubilado e intelectual inquedo, naceu en Castellón, criouse en Monforte e viviu uns anos en Barcelona antes de retornar a Galicia para fixar a súa residencia na contorna de Compostela. Foi precisamente en Barcelona e en Santiago onde exerceu a súa profesión de controlador aéreo antes de xubilarse.
No ano 2017 editou o seu primeiro libro, un traballo sobre os 100 anos de aviación en Compostela, e tiña outro sobre este tema pero deixouno aparcado para centrarse en “Bendollo sempre na memoria. Crónica urxente dun mundo que esmorece”, obra que presenta o vindeiro 22 de decembro na Casa da Cultura de Quiroga ás 19:00 h. Xunto a el, na presentación estará o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o editor, José Luis Teófilo, e Antón Ledo, asesor de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Falamos con Xerardo das motivacións para escribir este libro e dos contidos cos que nos agasalla neste emotivo e rigoroso traballo de memoria histórica.
Cónstanos que os teus avós deixáronche pegada. Como foi a relación con eles e que che transmitiron?
Non coñecín ao avó materno, faleceu o mesmo ano do meu nacemento, comecei a coñecelo precisamente cando din os primeiros pasos para este traballo, ao dar con documentación familiar da que nunca souben da súa existencia. Miña avoa materna era dos Anguieiros e non coñecín até o de agora unha persoa que vivindo nun espazo tan limitado gozara dun universo simbólico tan enorme. Os avós paternos eran tamén de Bendollo; no caso do avó tamén veño de descubrir, despois de moitos anos da súa morte, aspectos descoñecidos de extraordinaria importancia para min. Foron tres fontes de agarimo e sabedoría.
Anos despois tocouche vivir a experiencia da emigración. Cóntanos como foi e cando retornas a Galicia.
Fillo de ferroviario tocoume vivir unha das primeiras “reconversións” de Renfe. No ano 1964 meu pai tiña que rebaixarse da súa modesta categoría profesional se quería continuar residindo en Monforte, a súa decisión foi marchar para Barcelona onde había prazas do seu nivel profesional. No ano 1974, coa morte de meu pai recente, decido regresar a Galiza e pido traslado a unha vacante que había no aeroporto de Compostela. Barcelona axudoume a configurar outra visión da nosa terra, empezando polos valores e bens culturais acumulados polos meus antepasados.
Durante eses anos fóra como mantiveches o contacto con Bendollo?
Procurei vir tódolos anos a Bendollo, tal como facían meus pais.
“Barcelona axudoume a configurar outra visión da nosa terra, empezando polos valores e bens culturais acumulados polos meus antepasados”
Fixada a túa residencia familiar en Teo, o contacto con esta aldea de Quiroga faise máis próximo, non si?
Os dous primeiros anos vivimos en Compostela pero puido máis a chamada dun entorno rural, motivo que nos levou cara Teo. Dalgún xeito coido que si, aínda que a Mahía non teña nada que ver coas nosas serras.
Agora, a clásica pregunta, que te levou a escribir este libro e cando te puxeches mans á obra?
Nun primeiro momento, hai agora seis anos, só tiña por obxectivo coñecer algo máis das orixes familiares co fin de transmitirllas ás xeracións que me han seguir, pero as pescudas e as xestións para tratar de restaurar o topónimo modificado nos anos oitenta serviron de estímulo para afondar no pasado de Bendollo, e foi daquela cando madurei a idea deste traballo. Nese momento decidín despersonalizar o pasado familiar e axudar tamén a que outras xeracións orixinarias da aldea souberan das súas orixes e do esforzo dos seus antepasados por dulcificar este territorio.
Como foi o traballo de documentación e en que temas centraches a túa atención?
O libro está dividido en tres partes. A primeira parte bebe fundamentalmente de fontes bibliográficas das épocas analizadas, a segunda e a terceira de fontes arquivísticas, e o cerne da segunda metade do século XX descansa nun traballo de campo realizado na primavera e comezos do verán de 1986, materializado no estudo “Xénese da emigración europea nunha parroquia da Galiza interior”. As persoas consultadas, que hoxe non están xa entre nós, estaban comprendidas entre os sesenta e os noventa e dous anos.
Trinta e seis anos despois, o material inicial compleméntase con novos testemuños aportados ao longo dos derradeiros seis anos por descendentes dos informantes de outrora.
“As persoas consultadas, que hoxe non están xa entre nós, estaban comprendidas entre os sesenta e os noventa e dous anos”
Cónstanos que o libro transcende a Bendollo e documenta tamén a contorna, abranguendo historias e información doutras aldeas do rural quirogués. Cóntanos.
A medida que avanzaba no traballo decateime da similitude do devir das xentes de Bendollo, en xeral, coas das outras aldeas das serras que abeiran no Sil, eis que malia que o estudo está focalizado na parroquia de Bendollo, os similares aspectos físicos e humanos, así como o sistema reprodutivo, co resto do territorio, fai que podamos falar dunha historia compartida. Os testemuños das xentes de Montefurado, Os Anguieiros, O Ivedo, Soldón, Paradaseca, Sequeiros e Bendilló axudaron a definila.
“A medida que avanzaba no traballo decateime da similitude do devir das xentes de Bendollo, en xeral, coas das outras aldeas das serras que abeiran no Sil”
“Bendollo sempre na memoria. Crónica urxente dun mundo que esmorece”. Poderiamos dicir que a primeira parte do título é unha homenaxe emocional e documental do teu amado Bendollo e a segunda unha reflexión pesimista dun rural que se esborralla e desaparece…?
Infelizmente así é. A urxencia que figura no título ten un dobre significado.
Coñecedor da historia e do devalar demográfico de Bendollo, que cres que podería devolverlle a vida de outrora ou polo menos evitar o seu abandono?
Sendo moi importante a recuperación e ampliación da superficie dedicada ás oliveiras non é dabondo para fixar poboación nun territorio que posibilita a existencia da gandería extensiva tradicional: cabras e ovellas, fundamental na defensa e conservación do medio, sen esquecer a posibilidade de recuperar a froita nas terras axeitadas.
Seguro que tes moitas anécdotas e/ou curiosidades que xurdiron mentres escribías o libro. Podes desvelarnos algunha?
Impactoume a resposta de dúas testemuñas da mesma familia, máis ou menos da miña idade, que afirmaron descoñecer os nomes dos seus avós.
Contaches con algunha persoa que che botara unha man, escritor/a, historiador/a, etc?
Pois a verdade é que non, a experiencia do meu primeiro libro axudoume neste novo reto.
Foi doado acadar o financiamento para publicar o teu traballo? Con quen contaches para facelo posible?
Cun mercado potencial tan pequeno sempre é difícil sacar adiante unha publicación destas características. O libro puido ver a luz grazas á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Quiroga e Teófilo Edicións que confiaron neste proxecto.