HomeEn profundidade“Fixemos chegar as nosas coroas de cumpreanos a case medio planeta”, Eva...

“Fixemos chegar as nosas coroas de cumpreanos a case medio planeta”, Eva María Castillo

Afeccionada á costura e ás manualidades, esta veciña de Pantón foi vendo como os seus traballos personalizados tiñan cada vez máis demanda. O que comezou sendo unha dedicación que compaxinaba co seu traballo foi gañando espazo ata que se converteu no seu principal medio de vida.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Da man da Asociación Segredos de Pantón coñecemos a historia de Eva María Castillo Rodríguez, unha barcelonesa que chegou a Ferreira de Pantón acompañada da súa familia para centrarse na confección de produtos de tea e feltro para a decoración do fogar que comercializa por todo o mundo baixo o nome de FeltDecor. As coroas de cumpreanos son un dos seus produtos estrela pero fan moitas máis cousas. “Temos pedidos de Estados Unidos (moitos!), Canadá, Hawai, Australia, China, Noruega, Reino Unido, Francia… A verdade é que cada vez que fan un pedido dende tan lonxe, dáche unha alegría especial, pois pensas que os teus produtos van viaxar moi lonxe”, comenta con entusiasmo Eva María.

Dende cando desfruta coa costura?

Na miña casa sempre vin coser. Miña nai bordaba na casa, miña tía cosía e miña avoa facía punto e gancho. Eu desde moi pequena miraba como facían e nas vacacións de verán sempre facía cousiñas de costura e punto.

Cando casei, o meu marido, tamén moi afeccionado ás manualidades, apuntouse a un curso de patchwork (o único rapaz entre un monte de señoras!) e compramos unha supermáquina de coser. Pouco a pouco fun practicando con ela e afeccionándome eu tamén á costura e ao patchwork.

“Miña nai bordaba na casa, miña tía cosía e miña avoa facía punto e gancho”

Como é vivir da súa paixón e dende cando o fai?

Cando as miñas fillas xemelgas (as medianas de 4 fillos) fixeron o seu primeiro ano, fíxenlles unhas coroas de cumpreanos de feltro. As amigas empezaron a pedirme que lles fixera para seus fillos e, mirando por internet, vin que había xente que as vendía e pensei: tal vez podería facer eu o mesmo e vender as miñas coroas por internet. E así empecei pouco a pouco, pero pronto comecei a ter moitos pedidos e tiña que repartir o tempo entre a miña paixón e o meu traballo normal, ademais da casa, os nenos… Cando nos trasladamos a vivir a Ferreira de Pantón desde unha vila próxima a Barcelona foi cando comecei a dedicarme plenamente á costura.

Na súa casa arranxará toda a roupa non?

Si, moita roupa arránxoa eu, sobre todo os baixos dos pantalóns.

Coméntenos cales son os produtos que oferta aos seus clientes e destes os que máis saída teñen.

O noso produto estrela son as coroas de aniversario de personaxes de debuxos animados, que lle encantan a pais e nenos. Alén diso, tamén facemos camisetas de aniversario a xogo coas coroas, varitas e bandeiriñas, todos estes produtos personalizados co nome do neno/a. Tamén preparamos decoracións de Nadal, sobre todo teñen moita saída as estrelas de tela co nome de cada persoa.

“O noso produto estrela son as coroas de aniversario de personaxes de debuxos animados, que lle encantan a pais e nenos”

Coroa de Doraemon / FeltDecor
Coroa da Ovella Shaun / FeltDecor

O seu taller de confección elabora sobre todo elementos de decoracións. Tivo algunha vez algún encargo fóra disto e valorou ampliar máis a súa gama de produtos?

Si, tamén me teñen pedido detalles para bautizos e comuñóns, bolsos, babeiros e detalles para bebés… E, a verdade, cando me xorde un encargo fóra das coroas, desfruto moito facéndoo. Encantaríame ir ampliando a nosa gama de produtos. A verdade é que na miña cabeza hai un monte de proxectos novos, pero fáltame tempo para levalos a cabo.

Sabemos que nestes tempos os subministros ou escasean ou son máis caros. Vostede onde consegue o seu material e como está a ser para vostede este 2022?

Cando vivía en Barcelona hai un ano, tiña alí as tendas de teas e materiais que me ofrecían moi bos produtos e a baixo prezo. Ao trasladarnos a Galicia pouco a pouco fomos encontrando tendas onde atopar as nosas materias primas, aínda que algunhas conseguímolas a través de internet, pois é máis difícil encontralas en tendas físicas.

Con isto da globalización podemos encargar algo e que veña da outra punta do planeta. Ten feito pedidos de lugares alonxados? E algunha anécdota que lembre?

Si, fixemos chegar as nosas coroas de cumpreanos a case medio planeta! Empecei vendendo os meus produtos a través dunha plataforma de venda de artesanía chamada Etsy. Nela temos pedidos de Estados Unidos (moitos!), Canadá, Hawai, Australia, China, Noruega, Reino Unido, Francia… A verdade é que cada vez que fan un pedido dende tan lonxe, dáche unha alegría especial, pois pensas que os teus produtos van viaxar moi lonxe. Moitos dos nosos compradores estranxeiros repiten ano tras ano, comprándonos as coroas de cumpreanos para os seus cativos.

“Fixemos chegar as nosas coroas de cumpreanos a case medio planeta!”

Se un cliente quixera mercar algún dos seus produtos como podería facelo e onde pode velos?

Os nosos produtos pódense comprar a través de Amazon Handmade (somos FeltDecor) e a través de Etsy (FeltDecorHandmade).

Para ver os nosos produtos e novidades poden visitar a nosa páxina de Instagram e Facebook. Alí poden pórse en contacto directo con nós mediante mensaxe, onde podemos conversar para personalizar o produto ao gusto do cliente.

Estrelas decorativas / FeltDecor

Por último sabemos que vostede e a súa familia se mudou de Cataluña a Galicia. Como foi o cambio e como é iso de vivir nun concello rural galego?

A familia do meu home vive en Monforte de Lemos, aínda que el naceu en Barcelona. Pola contra, eu nunca tiña estado en Galicia. A primeira vez que me trouxo o meu “daquelas” mozo, quedei namorada desta terra, das súas paisaxes, a súa xente, a súa gastronomía… Casamos aquí en Galicia e xa queriamos quedar a vivir aquí, pero resultábanos moi complicado polos traballos, a familia, etc. Pero a idea sempre estivo aí.

“Cansos da vida en Cataluña por distintos motivos, decidimos dar esta paso, aínda que nos levou moito tempo tomar a decisión. Pero foi unha das mellores cousas que fixemos na vida…”

Despois de 17 anos casados e 4 fillos, cansos da vida en Cataluña por distintos motivos, decidimos dar esta paso, aínda que nos levou moito tempo tomar a decisión. Pero foi unha das mellores cousas que fixemos na vida, en ningún momento nos arrepentimos do cambio, todo o contrario. Por que non o fariamos antes! É un luxo para nós vivir nunha vila como Ferreira de Pantón, onde atopamos todos os servicios que necesitamos mentres temos a tranquilidade dun lugar pequeno, cuns veciños excepcionais e a dous pasos da fermosa cidade de Monforte.

Logotipo

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...